Campaña solidaria de apoio á cidadanía de Ucraína
Sendo conscientes da situación excepcional en que se atopa a poboación ucraína, poñemos a andar, en colaboración con ABANCA, unha campaña solidaria co obxectivo de contribuír a paliar a crise humanitaria provocada pola agresión militar que está a sufrir o país.
Entre as medidas adoptadas, desde xa destacamos:
-
Poñémonos a disposición de todas as asociacións culturais, colectivos sociais e clubs deportivos galegos que así o desexen para canalizar as iniciativas de axuda ao pobo ucraíno que poidan xurdir. As persoas interesadas poden escribir ao correo electrónico [email protected].
-
Habilitamos unha conta solidaria para recadar fondos destinados a Save the Children e Cruz Vermella para atender as necesidades máis urxentes da poboación afectada polo conflito. As persoas que desexen axudar poden realizar unha doazón sen ningún tipo de comisión na conta ES80 2080 7208 3385 3000 7122.
Tamén serán gratuítas todas as transferencias que se realicen a Ucraína desde as contas de ABANCA.
-
En colaboración con ABANCA, cedemos e habilitamos unha nave de 1.000 metros cadrados ubicada no Polígono de Pocomaco (A Coruña) á Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA-Ucraína). A organización, creada a raíz da crise humanitaria, ten como obxectivo recoller e enviar axuda material ao país, así coma facilitar a chegada e acollida de persoas refuxiadas.
-
Desde o comezo do conflito, en colaboración con AGA-Ucraína e distintas compañías do sector agroalimentario, e adaptando a tal fin o noso programa Cultura por Alimentos, enviamos 92 toneladas de material de primeira necesidade, fretando 4 camións. https://comunicacion.abanca.com/es/noticias/abanca-afundacion-y-aga-ucraina-envian-23-nuevas-toneladas-de-ayuda-humanitaria-a-ucrania-en-colaboracion-con-14-empresas-leonesas/
-
A través do noso programa Quedamos no palco, quedamos coa clásica, facilitamos a integración na sociedade galega de 14 estudantes ucraínas con bolsa Erasmus, residentes en Vigo e que cursan os seus estudos no Conservatorio Superior de Música da cidade.
-
Durante os meses de xullo e agosto, poremos a disposición de nenos e nenas ucraínas que o precisen as instalacións da nosa residencia de estudantes de Pontevedra, que conta con 140 prazas.
-
Acolleremos eventos solidarios nos nosos auditorios e sedes, co obxectivo de recadar fondos destinados a esta campaña solidaria con Ucraína.