Xa vai chegando ao seu cabo a nosa gran festa creativa en todas as cidades galegas: SIMULTÁNEA, a macroexposición centrada na Colección de Arte Afundación está nos seus derradeiros días. Gózaa nas nosas sedes ata as seguintes datas:
A CORUÑA | MODO RETRATO | ata o 25 XAN 2025
COMPOSTELA | ARQUITECTURAS NARRADAS | ata o 25 XAN 2025 (Visitas escolares ata o 1 FEB 2025)
FERROL | O OBXECTO CONTEMPORÁNEO E DOMÉSTICO | ata o 1 MAR 2025
LUGO | ESCENAS DE COSTA E MAR ABERTO | ata o 25 XAN 2025 (Visitas escolares ata o 10 FEB 2025)
OURENSE | ESPAZO ABERTO E NATUREZA | ata o 25 XAN 2025
PONTEVEDRA | ABSTRACCIÓNS E MENSAXES CIFRADAS | ata o 25 XAN 2025 (Visitas escolares ata o 1 FEB 2025)
VIGO | VOAR COA IMAXINACIÓN | ata o 22 MAR 2025
Un total de trescentas cincuenta obras, entre fotografía, pintura, escultura, videoarte e instalación, de máis de duascentas autorías do século XIX á actualidade.
Agardámoste nos nosos edificios!
SIMULTÁNEA
7 exposicións, 7 cidades
comisariado | PALOMA VELA
Ao longo dos anos o noso compromiso coa Colección de Arte Afundación, declarada Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia en 2015, é o de mantela cun carácter sempre dinámico e aberto á ollada pública a través de distintas mostras itinerantes, que poñen o foco a cada volta en diferentes temáticas, artistas ou épocas. Agora, traémola de novo á palestra dun xeito diferente, afondando en elementos identitarios que nos anoan como comunidade e que dan conta da riqueza, calidade e evolución da nosa arte: o retrato, o obxecto, o mar, a natureza, a abstracción, a arquitectura e a fantasía son os sete temas que abordamos desde un percorrido multidisciplinar.
VISITAS VIRTUAIS
Agora podes entrar en cada unha das sete exposicións virtualmente para coñecer os seus contidos como, onde e cando queiras. Entra nas ligazóns enriba e descubre toda a arte da nosa Colección desde a casa.
CATÁLOGO SIMULTÁNEA
Ademais, agora podes descargar de balde unha versión reducida do catálogo SIMULTÁNEA ou facéreste con el nas nosas tendas físicas ou online. Cun desconto durante o tempo de exposición!
PASAPORTE SIMULTÁNEA
¿E aínda non coñeces o PASAPORTE SIMULTÁNEA? Solicita o teu, accede con el a un mínimo de tres das mostras nos nosos edificios e forma parte automaticamente dun sorteo moi especial...
CONCERTOS SIMULTÁNEA
Concertos simultáneos nas sete salas de exposicións de SIMULTÁNEA.
22 NOV | 19.30 h
(O acceso á sala de exposicións pecharase ás 19.00 h. A partir desa hora, só poderán acceder as persoas con entradas para o concerto).
Sede Afundación A Coruña | PAVA
PAVA é a proposta musical da poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao. Un directo pegadizo e honesto que vai da psicodelia ao pop. Nos traballos discográficos de Aldao sobrevoan as sombras de xigantas como PJ Harvey. A personalidade da súa voz e a forza das súas letras orbitan na elipse das novas voces femininas xurdidas do outro lado do Atlántico. PAVA 3 é o terceiro EP que ve a luz no mes de novembro.
Sede Afundación Ferrol | Sofía Espiñeira
Sofía Espiñeira crea composicións orixinais que beben da raíz, maridando o latexo das músicas do mundo e da canción de autora máis íntima e espida. Tras o camiño feito nos escenarios co seu disco debut Alá onde agroman as herbas, Sofía Espiñeira inicia a súa segunda viaxe musical: Xeografías.
Sede Afundación Santiago de Compostela | Raposa
Raposa é unha formación pontevedresa integrada por María Villanueva e Rubén Abad. Un proxecto consolidado sobre un cimento de corda pulsada, onde a versatilidade e virtuosismo de ambos compoñentes sobrevoa paisaxes batuxadas por música clásica, jazz, músicas do mundo, canción protesta ou pop, nunha execución rebosante de matices e delicadeza. O material sonoro desprende equilibrio e proporción, música orixinal que evoca harmonías pretéritas, exóticas e vernáculas; unha confección acústica concibida como ofrenda e reivindicación do honesto e fermoso da natureza humana e da música como ferramenta de cambio social.
Sede Afundación Pontevedra | Anxo Araújo
O músico pontevedrés Anxo Araújo presenta o seu segundo traballo discográfico Aprender a bailar. Unha proposta de melodías pop que se achega ao lado máis luminoso do artista. Reminiscencias do folk e da música tradicional nos marcos das cancións e unha temática que vai do íntimo e máis persoal ao social e comunitario. Un traballo cheo de sensibilidade que procura asilo nos ritmos de baile e na súa elegante voz.
Sede Afundación Vigo | Abril
Abril é tradición renovada; sons de raíz en harmonía co presente. Un microcosmos folclórico no que as identidades converxen e crean comunidade. Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) integran este proxecto no que melodías tradicionais galegas e ibéricas son adaptadas a sonoridades actuais con certa intimidade, personalidade e frescura.
Sede Afundación Ourense | Magín Blanco
Magín Blanco é un dos máis coñecidos creadores de propostas escénicas para público familiar no panorama actual galego. Creador de A nena e o grilo (OQO 2011) A nena e o grilo nun barquiño (Fol música 2013), e outras composicións que forman parte de edicións como María Fumaça (Ed. Galaxia 2012), Rosalía Pequeniña (Ed. Galaxia 2013), Canta o Cuco (Ed. Galaxia 2014), Gatuxo (Ed. Fol música 2015) ou Camiños (Ed. Fol música, 2017). Despois do éxito acadado co espectáculo A nena e o grilo nun barquiño, co que realizou máis de un cento de actuacións durante a súa xira, consolidándose como a proposta escénica infantil con maior repercusión nos últimos anos en Galicia.
Coñece todo sobre o noso macroproxecto expositivo SIMULTÁNEA AQUÍ.