MANUEL ABELENDA
Abelenda Zapata, Manuel
( A Coruña, 2 de noviembre de 1889 - Perillo, Oleiros, A Coruña, 20 de noviembre de 1957 )
Biografía
Formado na Escola de Artes e Oficios da Coruña, Manuel Abelenda interesouse desde neno polo debuxo e polos traballos artesanais. As axudas da Deputación e da Real Academia de Belas Artes coruñesas permitiranlle perfeccionar a súa formación na Escola de Belas Artes de San Fernando en Madrid e na Academia de España en Roma, malia que o estoupido da Primeira Guerra Mundial o obrigará a recortar a súa estancia na capital italiana. Ao longo da súa carreira sería galardoado con distintas bolsas institucionais que lle permitirían viaxar por Francia, Suíza ou Bélxica e será en 1941 cando entre a formar parte da sección de pintura da Real Academia de Belas Artes da súa cidade. Fixar a súa residencia na localidade coruñesa de Perillo posibilitaralle estar en contacto directo coa natureza e co ambiente rural e mariñeiro, motivos que influirían directamente na súa obra.
Abelenda encádrase no movemento novecentista, que a comezos do século XX continuou a tradición realista e costumista fronte ás innovacións das vangardas artísticas, ás que foi completamente alleo. Así mesmo, participou na reivindicación das peculiaridades da topografía e da etnografía galegas de xeito que reclamou a idiosincrasia e personalidade propia de Galicia, unha busca de identificación que tamén se reflectiu na literatura. Foron a paisaxe e o costumismo os que definiron a pintura da época a nivel nacional.
É precisamente o xénero da paisaxe o que prevalece maioritariamente na produción deste prolífico autor, onde as marismas das Rías Altas e das Rías Baixas, os bosques frondosos ou as ribeiras dos ríos protagonizarán case en exclusiva as súas obras. Convencido de que o artista tiña que estar en contacto directo co medio natural, Abelenda saía a traballar ao exterior e empregaba técnicas de raíz impresionista e modernista para interpretar as vistas e plasmalas de forma sintética. Así filtraba posibles defectos, recreaba a natureza con escasas liñas e cunha reducida gama cromática e interesábase polo comportamento lumínico da atmosfera e da auga, influído, neste caso, por colegas como Muñoz Degraín ou Lloréns.
As nove obras pertencentes a esta colección, nas que recrea as rías galegas, reflicten as características estilísticas deste autor. Compositivamente, articúlanse horizontalmente, aínda que en varias dispón altas árbores en primeiro plano enmarcando as vistas, motivo recorrente nas súas paisaxes co que potenciaba o efecto de profundidade. A este tamén contribúen o esfumado dos fondos, a recreación de brumas e das masas acuáticas nos medios planos, así como o emprego dunha paleta de grises, azuis, verdes e ocres nada estridentes, que facilitan a transición entre uns primeiros planos máis escuros ou sombreados e uns medios e últimos máis luminosos. Cabe destacar que na obra titulada Carreteiros, Abelenda retrata un dos oficios típicos da época e así achégase á estrutura social galega na que viviu.
Bibliografía
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Pablos, Francisco: Pintores gallegos del Novecientos. A Coruña, Fundación Barrié de la Maza, 1981.
Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987.
Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer. 1976.
Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid, 1980.
Gaya Nuño, J. A.: La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europea de Edic. 1970.
Gran Enciclopedia Gallega. Vol. I. Gijón, S. Cañada, Edit., 1974.