ANTÓN ABREU
Abreu Bastos, Antón
( Vigo, 4 de agosto de 1927 - Vilaza, Gondomar, Pontevedra, 17 de diciembre de 2004 )
Biografía
Nacido no seo dunha familia humilde, Antón Abreu Bastos compaxinaría desde moi novo o seu traballo como aprendiz de carpinteiro, para axudar na economía doméstica, coa formación na Escola de Artes e Oficios de Vigo. Aos 20 anos decide emigrar a Bos Aires, como fixera seu pai, que se convertera nun prestixioso ebanista na capital arxentina, onde se relacionaba con diversos artistas.
Establecido no seu novo destino, Abreu traballará durante os anos 50 como deseñador de xoias e carpinteiro, labores que compatibilizará coa pintura e coa asistencia a faladoiros, reunións onde se relacionará con intelectuais como Cuatrecasas, Blanco Amor, Jiménez de Asúa ou Colmeiro. A súa incesante actividade levarao a crear o Grupo do Plata, adherido ao expresionismo, e a dirixir e impartir docencia na Escola de Belas Artes Divisadero, xunto á súa esposa, a tamén pintora, Elsa Pérez Vicente, ao mesmo tempo que comeza a participar en exposicións. Así mesmo, será requirido polo Centro Galego da capital arxentina como ilustrador de publicacións e asesor artístico.
Abreu decidirá regresar a Galicia tras os golpes militares que sofre o seu país de acollida e a súa actividade expositiva continuará por toda España, así como as súas viaxes por distintos países europeos, ao tempo que a súa casa se converterá nun lugar no que recibir a amigos e colegas como Xoán Oliveira, Xavier Pousa, Álvaro Cunqueiro, Lodeiro, Celso Emilio Ferreiro ou Antón Quesada. A súa traxectoria sería recoñecida coa Medalla de Galicia ou coa Terceira Medalla do Salón de Outono.
A produción artística deste autor pódese clasificar en tres períodos. O primeiro, desde o comezo da súa carreira ata final dos anos 50, caracterízase por influencias postimpresionistas, no que recrea ambientes que presentan sensación de desolación. O segundo, ata mediados dos anos 70, onde evoluciona desde un expresionismo lírico a outro más dramático, no que abundan escenas cotiás domésticas ou procedentes do ambiente rural. E o terceiro, que comeza a mediados dos 70, cando as formas que traballe tenden a unha abstracción, que se podería cualificar de orgánica.
Esta colección posúe unha ampla representación do último período deste autor, xa que a excepción de Na cociña do amo, as outras nove obras enmárcanse nos anos 80 e 90. É precisamente a obra mencionada, datada en 1969, un claro exemplo do estilo expresionista de Abreu Bastos, na que o motivo narrativo, varias mulleres aparecen desplumando polos nun interior, sérvelle ao autor como exercicio plástico. Para iso emprega unha gama de intensos vermellos e púrpuras que contrastan cos rostros abrancazados convertidos en máscaras de xeito que contribúe ao dramatismo da escena.
Outro exemplo característico da produción deste autor son as paisaxes pétreas, agrupadas na extensa serie no tempo que leva por nome Pedras. Representativas nesta colección son as obras tituladas Paisaxe, Antropoloxía, Hermetismo, Ofrenda, Figuras e Serán e sono, onde reproduce formas e figuras redondeadas, inspiradas nas canteiras de granito pontevedresas e na produción de Henry Moore, sobre fondos indefinidos, que dan como resultado composicións case abstractas. Este estilo obsérvase tamén en Val de Leiro e Outra realidade (II), onde o pintor realiza xogos cromáticos, que lembran o informalismo lírico, para reinterpretar a paisaxe.
Bibliografía
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, Vigo, 1981.
PABLOS, F.: Abreu Bastos. Grandes artistas gallegos, Caixavigo, Vigo, 1990.
MON, F.: Pintura contemporánea en Galicia, Caixagalicia, A Coruña, 1987.