ACUÑA
Acuña López, José María
( Salcedo, Pontevedra, 4 de abril de 1903 - Vigo, 4 de junio de 1991 )
Biografía
É a escultura unha arte de emocións contidas no material. Unha acumulación de forzas que emerxen da materia baixo a pegada do seu facedor. José María Acuña fai de cada unha das súas marcas nese vulto un aceno, o aceno de quen falaba e escoitaba a través desa materia coa que interpretaba o mundo, incapacitado como estaba desde a súa xordomudez para facelo de maneira física. Unha condición que na súa obra se entende como un acicate, un empurrón para xestionar cada peza como unha mensaxe, unha narración de quen tanto tivo que contar ao longo da súa vida. Cada unha das súas obras é un diálogo coa sociedade a través dos seus personaxes. Seres que habitan un amplo relato vinculado a unha terra e aos seus tipos máis característicos.
Desde neno, na súa parroquia natal de Salcedo, en Pontevedra, os veciños xa entenderon que aquel rapaz posuía un talento artístico pouco frecuente e que xa non deixaría de medrar. Realiza os seus primeiros estudos no Colexio Rexional de Xordos e Cegos de Santiago de Compostela e nesa cidade establece un vínculo que dun ou doutro xeito o acompañará ao longo de toda a súa vida co escultor Asorey. En 1923 unha bolsa da Deputación de Pontevedra permítelle realizar estudos na Escola de Belas Artes de San Fernando en Madrid, ao mesmo tempo que participa en diferentes mostras colectivas na capital e en Galicia. No centro compostelán que acolleu os seus primeiros estudos ingresa como profesor en 1930 e tres anos máis tarde realiza a súa primeira exposición individual en Pontevedra. Segue traballando con Asorey, colabora coa prestixiosa Cerámica Celta de Pontecesures e afástase, durante os anos da ditadura, da actividade expositiva, centrándose no seu labor como mestre de numerosas xeracións de nenos que tiñan problemas de fala e audición e que endexamais puideron pensar nun mellor profesor e pedagogo. Nos anos setenta a súa obra comeza a reivindicarse e a amosar toda a súa potencia desde unha madureza que o leva a formar parte de diferentes Bienais de Arte en Pontevedra. Realiza así numerosas exposicións en toda España. Chegan os recoñecementos desde o artístico, pero tamén como mestre, e as súas obras saen das galerías para instalárense en diferentes espazos públicos, como ese simbólico Monumento ao Peregrino no Monte do Gozo. En 1990 recibe a Medalla Castelao.
As dúas pezas de José María Acuña que forman parte da colección Afundación, Irmaos e Madre Xitana son un perfecto modelo do seu traballo realizado nos anos setenta. Por unha banda a muller, un dos eixes da súa obra, unha muller doce e tenra, no caso da modelo nova, e a muller nai, a representación feminina de Galicia como terra nai. Tamén a presenza da infancia é outra das súas compoñentes habituais. O seu agarimo polos nenos está moi presente no seu traballo, na recuperación desa inocencia que como un gran tesouro se ve ameazado polo mundo adulto.
Achegarse ás súas pezas é darlles vida aos seus debuxos, labor moi descoñecido do seu traballo, pero no que era un destacado creador. Eses debuxos, como paso previo á obra escultórica, son un bosquexo da vida, o apuntamento de quen sentía e intuía desde unha alma artística que xurdía cada vez que afundía os seus utensilios de escultor nesa materia que xa se convertía en eterna no seu paso definitivo a ese bronce que entendía como moi poucos na nosa terra. As súas obras permanecen como un canto de amor a unha terra e ás súas xentes, en definitiva, á humanidade.
Ramón Rozas
Bibliografía
AZCOAGA, E. e outros: Escultura española 1900-1936, Ministerio de Cultura, s. a.
PABLOS, F.: Colección de Arte Galega, Museo Quiñones de León, Vigo, 1995.
VV. AA.: Escultor Acuña. Deputación da Coruña, A Coruña, 1983.
VV. AA.: Diccionario de Pintores y Escultores españoles del siglo XX, Vol. I., Forum Artis, Madrid, 1994.