ALBERTO CARNEIRO
Almeida Carneiro, Alberto
( São Mamede do Coronado, Trofa, 1937 - Porto, 2017 )
Biografía
Durante a súa infancia xoga cos elementos propios da terra que lle rodea, e con tan só dez anos comeza a traballar como aprendiz nun taller de imaxinería, onde permanece ata os vinte e un anos; inicia a súa aprendizaxe artística con materiais da natureza. Posteriormente, en 1967, se gradúa en Escultura na Escola de Belas Artes do Porto, e ese mesmo ano, realiza a súa primeira mostra individual na Escola denominada Homenagem ao autor da Vénus de Willendorf (Homenaxe ao autor da Venus de Willendorf). Un ano máis tarde, trasládase a Londres, onde completa a súa formación escultórica na prestixiosa Saint Martin‘s School of Arts durante dous anos, onde ten profesores como Anthony Caro ou Philip King. Desde 1967 desenvolve unha intensa actividade expositiva ata participar en máis de oitenta exposicións individuais e máis de cen mostras colectivas no seu país natal e no estranxeiro, entre as que destacan a Bienal de París (1969), Bienal de Venecia (1976), Bienal de São Paulo (1977) e a EXPO´98 de Lisboa. Foi bolseiro da Fundación Calouste Gulbenkian no Porto (1962-1967) e Londres (1968-1970), recibiu importantes galardóns como o Premio Nacional de Escultura en Portugal (1968) ou o Premio Nacional de Artes Plásticas da Associação Internacional dos Críticos de Arte (1985), e así mesmo foi condecorado como gran oficial da Ordem do Infante Dom Henrique (1994). Realizou esculturas e instalacións en espazos públicos por medio mundo, e tamén figura a súa obra en renombradas coleccións españolas como a do CGAC, ABANCA, ou a do MEIAC, así como noutras portuguesas como a da Fundación Calouste Gulbenkian, Museo Colección Berardo ou a da Fundación Serralves.
Considerado un artista fundamental na renovación da escultura portuguesa do século XX, o seu insaciable espírito viaxeiro, levoulle a percorrer numerosos países de Europa, África, América e Asia. A súa personalísima e singular obra xira ao redor da natureza e aproxímase á arte conceptual, ao minimalismo e tamén o land art, movementos artísticos cos que toma contacto na súa experiencia londiniense. Estudoso da psicoloxía profunda, e de filosofías orientais como o Zen, o Tantra e o Tao ─impartiu cursos e conferencias─, os recordos e sensacións da súa infancia, esa intensa unión coa natureza, son fundamentais no seu traballo, pois como afirma Santiago Olmo: «A natureza sustenta a obra de Alberto Carneiro máis como o resultado dunha experiencia interpretativa e vivencial que como un argumento ou unha temática. As súas diferentes series e traballos incidiron, desde o inicio da súa carreira, naqueles aspectos nos que a natureza se sobrepón a toda noción visual de paisaxe e atopa unha conexión corporal co humano»; Carneiro recoñece unha fusión corpórea co medio natural. Traballa os materiais provenientes da natureza con calma e minuciosidade, en obras que rezuman sensualidade e calidez, e a madeira eríxese como a súa materia predilecta desde o comezo da súa prolífica traxectoria.
Na Colección Afundación figura unha escultura en madeira de buxo de gran altura denominada Evocaçao d'água que pertence á instalación do mesmo título que realiza o creador portugués entre 1991 e 1992 e que está integrada por trinta e cinco esculturas. A través da madeira dun buxo secular evoca dunha maneira poética e coa súa característica sensibilidade o recordo da auga con catro esveltas e orgánicas formas elementais que foxen do anecdótico e que dispón en horizontal e vertical entrelazadas, de tal modo que a natureza adquire na composición un valor metafórico.
Bibliografía
ALBERTO Carneiro, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2001.
MADERUELO, J.: Caminos de la escultura contemporánea, Ediciones Universidad Salamanca, Salamanca, 2012.