MÓNICA ALONSO
López Alonso, Mónica
( A Fonsagrada, Lugo, 1970 )
Biografía
Graduouse en Artes Aplicadas pola EASD Ramón Falcón de Lugo e licenciouse en Belas Artes pola Universidade de Salamanca na especialidade de Escultura. Realiza o doutoramento na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e presenta a tese O espazo doméstico na escultura contemporánea. 1895-1995 na que comeza a explorar a paisaxe doméstica e cotiá. Recibe diversas bolsas artísticas entre as que cabe destacar a bolsa de creación artística no estranxeiro Unión Fenosa (2000) —traballa xunto a Vito Acconci en Nova York—, a bolsa Endesa para artes plásticas e a bolsa Fundación Yaddo de Nova York. Tamén realiza diversas residencias artísticas: a residencia Capacete (Río de Xaneiro), a de The Townhouse Gallery of Contemporary Art (O Cairo) e a residencia La Quiñonera (México D.F.). Realiza a súa primeira exposición individual na Sala Montcada da Fundació La Caixa de Barcelona (1997). Participa en mostras colectivas e certames como Novos Valores, a Bienal de Lalín, a Bienal de Arte de Pontevedra, Novos Camiñantes ou Figuracións, e en feiras de arte contemporánea como ARCO, Arte Lisboa ou Art Forum Berlin. A súa vinculación coa arquitectura constátase coa súa colaboración no pavillón español na Next 8 Mostra Internazionnale di Architectura de la Bienal de Venecia (2002). Obtén o primeiro premio de escultura no IX Certame Galego de Artes Plásticas (1995) e é seleccionada na XXII Mostra de Arte Nova, organizada polo Instituto da Xuventude (1996). A súa obra atópase representada no CGAC, Fundació La Caixa, Museo Provincial de Lugo, Ministerio de Asuntos Exteriores, Instituto da Xuventude, Fundación Caja Madrid ou a Fundación Endesa.
Desde novo toma conciencia da relevancia do lugar. Traballa, igual ca un arquitecto ou terapeuta, nun continuo proceso de creación e investigación do mundo próximo. A través de debuxos, esculturas, maquetas ou instalacións, e mediante o xogo coa cor—relacionado coa nosa psicoloxía— e o espazo crea unhas obras que conteñen mensaxes cifradas de carácter social en relación co territorio e coa historia que invitan a reflexionar sobre a posición do ser humano na paisaxe e na sociedade do presente. A súa obra evoluciona nunha dirección de expansión espacial; primeiro aparece a cama —elemento-icona da súa obra— e en 1999 crea Espazos terapéuticos, que supón unha evolución, pois pasa da representación dunha determinada doenza ou inquietude a formular o problema; pero ademais ofrece un diagnóstico e posibles solucións. Un ano despois xorde Terapia lugar de felicidade TLF, o primeiro exemplo da recreación en tempo e espazo reais das inquietudes que antes traballaba nas súas maquetas. Do seu interese pola hibridación entre arte, arquitectura e psicoloxía nace en 2013 a ciencia do psicoespazo.
Na Colección Afundación figura unha obra que pertence a unha serie na que Alonso desenvolve unha exhaustiva investigación acerca da psicoloxía do frío —en relación cunha liña aberta en 2006 que xira arredor da temperatura. A autora reflexiona sobre os contrastes estacionais da temperatura como un dos factores cósmicos que inflúen no desequilibrio mental. Tristeza profunda (2008) supón unha rara avis na súa produción pois emprega por primeira vez a cor negra —as súas obras acostuman a ser tremendamente coloristas—, e está composta por dúas carcasas de cor negra que se unen no centro e expulsa aire frío; o visitante ten que situarse no centro da instalación para —en palabras da artista: “sentir el frío en la cara y en la nuca, de suerte que estén molestos y reflexionen sobre el frío”.
Bibliografía
Enlace páxina wed da artista: https://www.monicaalonso.com/