PILAR ALONSO
Alonso, Pilar
( Vigo, 1972 )
Biografía
Nace en Vigo, onde descobre xardíns ocultos que lle permiten atravesar “realidades paralelas” ao pasar dun contorno urbano ao rural no mesmo espazo; este feito terá unha influencia notable no seu traballo artístico, pois como ela mesma sostén: “somos el reflejo de nuestro paisaje”. Licénciase en Belas Artes pola Universidade de Sevilla e cursa estudos de posgraduado coa bolsa de ampliación de estudos en Alemaña da Fundación Pedro Barrié de la Maza, en concreto, na Städelschule de Frankfurt co artista Per Kirkeby. Ao longo da súa traxectoria expuxo en galerías e espazos de España e Alemaña como o Kunstraum Bethanien de Berlín, a Fundación Nova Caixa Galicia de Vigo, a Sala Rivadavia da Deputación de Cádiz, o Museo Cruz Herrera de La Línea de la Concepción ou o Castelo de Santa Catalina en Cádiz. Foi galardoada co Premio da Real Academia de Belas Artes de Sevilla e legado Josefina Von Karman, así como co Premio Hotel Porta de Segovia, e no ano 2019 recibe o premio Galega Destacada. A súa obra forma parte de coleccións como a da Fundación Pedro Barrié de la Maza, Fundación Nova Caixa Galicia ou a de Caja de Segovia. Na actualidade vive e traballa en Tomiño (Pontevedra).
Pilar Alonso é unha artista multidisciplinaria, aínda que podemos destacar o debuxo, a pintura, a escultura e a instalación como as disciplinas predominantes no seu corpus artístico. Amósasenos como unha contadora de historias, e faino mediante unha narrativa fragmentaria —a narratividade é crucial para a autora—, con referencias ao cine, ao vídeo, aos videoxogos, á literatura, e de xeito singular, á súa propia vida. O proceso vital é o eixe central do seu traballo; o universo feminino e a nenez, protagonistas; e o evocativo, un elemento central no seu fundamento creativo. Na súa obra, organizada en diferentes series, aparecen personaxes inventados —afirma a autora: “hay algo de mí en todos ellos”— adscritos a etapas vitais; fan que o seu traballo sexa aínda máis narrativo e cinematográfico. Así mesmo, cabe mencionar o seu labor muralista e a súa participación en diversos proxectos escenográficos xunto a artistas como Cristina Pato. Nos últimos tempos tamén realizou intervencións en espazos como o Museo do Pobo Galego ou o edificio de emprendedores da Zona Franca de Vigo.
Na Colección Afundación achamos dúas obras da artista viguesa. A máis temperá, Sen título (2008), pertence á serie Nunca xamais, na que Alonso crea ambientes mariños cun neno como protagonista. Nesta serie invítanos a reflexionar verbo da atracción e do medo ao descoñecido, así como verbo do paso inexorable do tempo. A peza que nos ocupa reflicte a linguaxe figurativa da artista pero con certos toques expresionistas mediante ese trazo áxil e libre de carbón augado que parece perder os contornos a figura do neno mergullado na auga tapando o nariz. A instalación The end (2011) encádrase dentro da serie A diva; proxecto artístico-narrativo que engloba un libro artístico, así como unha serie de debuxos de grandes dimensións, instalacións e pinturas. A serie está protagonizada por unha muller marcada polo desencanto dos trinta anos. En The end constrúe unha caixa transitable que contén, entre outros elementos, textos e diversas imaxes; en palabras da autora: “El cine también tiene algo de cajita. Ese sitio donde ocurren cosas al mismo tiempo que está ocurriendo tu vida, en un tamaño distinto al de la vida real”.