RAFAEL ALONSO
Alonso Fernández, Rafael
( Pontevedra, 1924 - 14 de diciembre de 1995 )
Biografía
Interesado desde novo pola pintura, Rafael Alonso trasladouse desde a súa Pontevedra natal a Madrid para formarse en Arquitectura. Compaxinou os seus estudos coa creación artística e participou nas súas primeiras exposicións, ademais de frecuentar a compañía de colegas como Molezún, Tenreiro e Labra. Unha bolsa da Deputación de Pontevedra a comezos dos anos 50 permítelle ampliar a súa formación en París e Italia para estudar o impresionismo, o barroco e o renacemento; aprender de novas correntes contemporáneas e participar en diversas mostras. A súa primeira exposición terá lugar na parisiense Galería Barrero.
Tras o seu retorno a Galicia e ante a falta de mercado de arte, vese obrigado a traballar como decorador en establecementos comerciais. Ocúpase da iluminación, do deseño de mobles, da selección de alfombras ou lámpadas e da realización de murais. Acada un grande éxito e suma unha importante carteira de clientes. Paralelamente, participa en parladoiros de intelectuais e artistas como Mercedes Ruibal, Álvarez Negreira ou Cuña Novás.
Nos anos 60 decide trasladarse a Vigo, comprar un barco e convertelo en vivenda e estudo para percorrer as rías galegas e recrear reiteradamente o seu motivo predilecto: o mar. Comeza a recoller un notable éxito en diversas exposicións, onde se amosan acuarelas de paisaxes das súas viaxes por Marrocos ou Castela e tamén de vistas marítimas. O éxito entre o público manterase ao longo da súa traxectoria. Así participa en numerosas mostras por Galicia e España e compaxina esta actividade coa ilustración de libros. A súa carreira foi premiada con dúas medallas de ouro na Bienal de Pontevedra e son varias as coleccións institucionais e corporativas que posúen obra súa. Unha enfermidade dexenerativa obrigaríao a cesar a súa actividade artística aos 70 anos e falece pouco despois.
Recoñecido acuarelista, será esta técnica a preferida de Alonso e a paisaxe converterase no xénero máis traballado na súa produción, xunto co nu, co retrato ou coas naturezas mortas. As 37 obras pertencentes a esta colección son unha interesante selección do seu traballo, xa que está representada a súa produción desde os inicios da súa carreira, así como os xéneros máis abordados por el.
Destacan por número as paisaxes, nas que se ve unha clara evolución, xa que entre os debuxos das súas viaxes por Europa e España dos anos 50, que coinciden coa súa época de formación, e as acuarelas realizadas desde os anos 70 en adiante obsérvase como elimina as referencias xeográficas ou monumentais e a súa predilección polas vistas marítimas. Non obstante, tanto nas súas obras temperás coma nas de madureza obsérvase a súa capacidade de síntese e a rapidez dun trazo seguro que denotan unha técnica depurada.
Tamén conta a colección con exemplos de bodegóns nos que froitas e floreiros teñen un lugar protagonista. Será a partir dos anos 70 cando se interesa por esta temática, o que lle permite investigar e evolucionar plasticamente na construción da composición directamente a través de manchas de cor, sen estudos previos. A gama utilizada é variada, aínda que predominan os brancos, grises e azuis. Os outros exemplos recrean tres figuras femininas, dúas delas núas, e tres retratos, un deles un autorretrato e os outros dous realizados con carbón, a xeito de bosquexos. Neste xénero demostra Alonso a súa capacidade técnica e o dominio que tiña do debuxo, que lle permite captar con minuciosidade detalles e trazos dos seus modelos.
Bibliografía
-Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -Pablos, Francisco: Colección Adriano Marques de Magallanes. Vigo. Concello, 1992. -Cuña Novás, Manuel: Tiempo de creación, tiempo de silencio. No catálogo de grandes artistas galegos. Rafael Alonso, Vigo, Caixavigo, 1987. -Ruibal, José: Catálogo da exposición antolóxica. Pontevedra, 1990. -20 años de arte en Pontevedra. Diputación Provincial, 1989. -A. Bonet Correa e M. Cuña Novás ARafael Alonso, catálogo da Antolóxica da Casa de Galicia, en febreiro do 1993, coa obra reproducida.