XURXO ALONSO
Alonso García, Xurxo
( Buenos Aires, Argentina, 1956 )
Biografía
Nacido en Bos Aires, reside en Vilagarcía de Arousa desde os oito anos. Estuda Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela, pero a súa paixón pola pintura lévao a formarse posteriormente na Escola de Artes Mestre Mateo de Santiago. Completa a súa formación artística nos Obradoiros de Arte Actual de Madrid xunto a destacados pintores como Guinovart e Alcorlo, con Bonifacio Alonso en San Sebastián, e de novo en Madrid con McLean. Obtén unha bolsa da Deputación de Pontevedra na IX Bienal Internacional de Arte, e da Fundación Rodríguez Acosta de Granada. Realiza as súas primeiras exposicións en 1983, na súa cidade natal, na Sala do Liceo Marítimo e na Sala Yerwa. Prosegue coa súa actividade expositiva por Galicia, España, Bélxica, Arxentina, Portugal e México. Ao longo da súa traxectoria é premiado en numerosas ocasións e as súas obras forman parte de reputadas coleccións como a do CGAC, Deputación da Coruña e Pontevedra, Museo de Pontevedra, Museo de Burgos, Caja Municipal de Pamplona, Caja Madrid ou a da Consellería da Presidencia en Santiago.
Xurxo Alonso é un artista multidisciplinario e poeta, terreo no que foi tamén premiado en múltiples ocasións e que vinculou nalgún proxecto a súa obra plástica, como na Colección Aldemunde. Sobre todo pódeselle considerar un creador de mundos imaxinarios. A súa obra, colorista e de corte expresionista, móvese libre e coherentemente entre a abstracción e a figuración, con referencias ao cubismo, ao fauvismo ou ao construtivismo; recorda a Molezún ou a Jorge Castillo. Artista ecléctico, destacan na súa produción temáticas como o bodegón, a mariña e a paisaxe, sobre todo urbana; evidénciase a influencia da xeografía urbana de Nova York. Nos últimos anos realizou skylines de cidades imaxinadas e reais, así como unhas bibliotecas, que se moven a medio camiño entre a pintura, a colaxe e a escultura, con materiais reciclados como madeiras e cartóns.
Catro obras do artista se inclúen na Colección Afundación. Dúas delas, de 1994, abordan a temática do bodegón e da paisaxe a través da pintura. En Mariña lixeiras e decididas pinceladas, nunha gama cromática predominantemente fría de azuis, morados, rosas, brancos, amarelos e verdes, compoñen unha lírica e onírica paisaxe de mar que respira silencio e calma. Tonalidades máis quentes aparecen en Bodegón, na que o artista filtra unha temática clásica pictórica por un proceso de abstracción, de tal modo que resulta unha obra fresca e viva. As súas célebres e recorrentes skylines de grandes urbes están presentes en Chicago (2002), na que a verticalidade das edificacións garda un equilibrio co desenvolvemento en horizontal. Xoga cunha ampla gama de cores vivas nos rañaceos, que destacan sobre o gris imperante do mar e do ceo poboado de gráciles nubes, nunha obra pictórica que remite á colaxe. A súa obra máis recente pertence á Colección Aldemunde, un proxecto no que establece un diálogo entre a linguaxe plástica e a poética. Alonso concibe un territorio imaxinario como unha illa flotante e errante, e crea unhas obras que recrean ese universo; como Verde país (2007), unha suxestiva obra abstracta na que xunta pintura e colaxe cunha paleta predominantemente escura na que destacan algúns trazos e manchas verdes, amarelas e bordeos, sobre marróns nun soporte dun material «pobre pero muy digno» —en palabras do artista— como é o cartón.
Bibliografía
COINCIDENCIAS, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1994.
SOBRINO MANZANARES, M.ª L.: El lenguaje silencioso de los objetos, Galería Alameda, Vigo, 1995.
XURXO Alonso, Galería Saira, 1992.