GUILLERMO MONROY
Alonso Monroy, Guillermo
( Navia, Vigo, 1954 - Vigo, 1982 )
Biografía
Licenciado en Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela, comeza a súa actividade expositiva na I Bienal de Arte de Pontevedra en 1974, ano en que viaxa a París para achegarse á pintura francesa e europea. Continúa a actividade expositiva na mostra colectiva Homenaje a Castelao en Ourense (1975), e un ano máis tarde trasládase a Madrid para facer o servizo militar. En 1977 regresa á súa cidade natal e proseguen as mostras colectivas en Vigo, Santiago de Compostela e Pontevedra ata que en 1978 realiza a primeira presentación individual na Galería Matisse de Santiago. Desde ese momento, combina as exposicións individuais e as colectivas en cidades como Vigo, Pontevedra, Madrid ou Lorient (Francia). Intégrase nos círculos artísticos vigueses de finais dos setenta, ávidos dunha modernización no contexto da transición democrática. No seu estudio, situado en San Paio de Navia —parroquia da periferia de Vigo—, celébranse faladoiros e é un lugar de encontro de artistas e veciños. A súa inquietude e mais a curiosidade lévao a visitar Nova York en 1980 xunto con Antón Patiño, Menchu Lamas e Ánxel Huete para coñecer de cerca, entre outras, as obras dos artistas abstractos americanos. Esta viaxe supón o xerme do movemento Atlántica que nace ese mesmo ano en Baiona, onde se celebra a primeira mostra do colectivo —renovador da plástica galega— no antigo Hospital do Santo Espírito, e un ano despois, participa na exposición celebrada no Centro Cultural de la Villa de Madrid. Un tráxico accidente acaba de maneira prematura coa súa vida cando tan só contaba con vinte e oito anos; trunca unha das traxectorias pictóricas máis prometedoras da arte galega de inicios dos oitenta. Despois da súa morte celébranse homenaxes e mostras individuais (a máis relevante é a antolóxica da Casa das Artes viguesa en 1993, que supón a súa consagración) e a súa pintura intégrase en importantes exposicións colectivas, así como en reputadas coleccións de museos e institucións, e tamén particulares.
Comprometido coa cultura e con Galicia o seu xenuíno universo pictórico personaliza as súas referencias; Matisse —co seu joie de vivre—, así como o expresionismo americano de De Kooning e o xermano de Emil Nolde; todo iso para representar con dinamismo, frescura e enerxía o que está ao seu arredor, o cotián e sinxelo, que somete a un intenso proceso sintetizador. Na súa obra latexa un intimismo vitalista e predominan as temáticas tradicionais da natureza morta e a paisaxe —a fiestra é un dos seus motivos máis recorrentes—; da mesma forma aborda a figura, sempre cun afán renovador. Fusiona orde e desorde, figuración e abstracción… de maneira que o seu traballo está definido pola tensión e, por encima de todo, pola cor de tons alegres, diluídos e nerviosos.
Na Colección Afundación figuran tres obras pictóricas do artista vigués. En Ventana (1980), representa este elemento arquitectónico —recorrente no seu imaxinario— cunha forma rectangular, estruturada en diversos cadrados e entreaberta. Recorre ao enganaollos de tal forma que o espazo pictórico simula ser unha continuación do espazo real, nunha esquemática composición, chea de xestualidade e alegría, en verdes, negros, ocres e brancos, que evocan as pinceladas fauvistas. Nas sinópticas e abstractas obras de 1979 e 1981, a pincelada áxil sérvese dun variado cromatismo de paleta, máis contrastada, para compoñer unhas complexas formas coa suxestión de elementos orgánicos, desbaldindo espontaneidade e dinamismo.
Bibliografía
ATLÁNTICA. Vigo, 1980, Compostela, 1981. Madrid, 1983.
BARRO, D.: Guillermo A. Monroy, Galería vgo, A Coruña, 2002.
GUILLERMO A. Monroy. Cadernos de Arte Xoven Galego, Concello de Vigo, Vigo, 1984.
VV. AA.: Monroy, Casa das Artes, Vigo, 1993.