SEARA
Álvarez Seara, José Luis
( Arcade, Pontevedra, 1957 )
Biografía
Inicia a súa actividade expositiva co grupo FOGA (Fato Onirista Galego) ─colectivo multidisciplinar fundado por José Manuel Méndez (Pitelos) xunto con outros pintores para mediados dos setenta─ en Vilaxoán, Pontevedra, en 1975. Tras esta experiencia, expón en colectivas en Santiago ou Vilagarcía de Arousa, e en 1978 realiza a súa primeira mostra individual na Sala Matisse de Santiago. Expuxo en mostras individuais e colectivas nas principais cidades galegas, no resto de España en Madrid, Palma de Mallorca, Salamanca, Barcelona ou Valencia, e no estranxeiro en Portugal ─en numerosas cidades─, Grecia, Francia, Italia, India ou Brasil. Colaborou con diversas galerías, principalmente galegas e portuguesas, coas que realizou numerosas exposicións e coas que así mesmo participou en feiras de arte contemporánea como o madrileña ARCO ou MIART en Milán. Tamén concorreu a certames como a Bienal de Vilanova de Cerveira (Portugal) ou a Bienal Pintor Laxeiro de Lalín (Pontevedra) en repetidas edicións. Obtivo a bolsa de creación artística no estranxeiro Unión Fenosa en 1991, e o premio adquisición no Premio de Pintura Gran Bazán de Tremoedo (Pontevedra, 1993), e un ano despois, no Premio de Pintura Concello de Tui. A súa obra figura en coleccións como a do CGAC, Unión Fenosa ou na do Museu Bienal de Cerveira, así como en coleccións privadas en España, Francia, Venezuela, Portugal, Inglaterra, Estados Unidos, Grecia ou India.
Artista multifacético, explorou a ilustración, o deseño gráfico, a escenografía, o teatro de marionetas e sombras chinescas, o gravado, a colaxe, o debuxo ou a pintura coa súa característica vitalidade e rebosante fantasía. A natureza e o ser humano constitúen o centro do seu traballo, que inicia nos anos oitenta, en debuxos e pinturas, ligado ás experiencias do movemento renovador Atlántica. Crea un persoal universo no que xogan un papel fundamental a liberdade e o azar, así como a investigación a nivel técnico, pois traballa con diversos soportes e materias, como lapis, pasteis ou acrílicos, entre moitos outros, que acostuma combinar e superpoñer. Co paso do tempo a súa linguaxe vaise sintetizando ata aproximarse á abstracción, incorpora a colaxe e a materia enriquécese; evoluciona cara a unha poética intimista que foxe da grandilocuencia, e presenta unha aparencia sinxela e sosegada, como inacabada.
Tres obras do autor, que fan referencia á natureza e á figura humana nas que as transparencias e o xogo de planos resultan fundamentais, figuran na Colección Afundación. Nas dúas obras datadas en 1991, combina o óleo coa arenilla de modo que xoga coa consistencia da materia e as texturas en composicións de variado colorido nas que aparece a xeometría con connotacións simbólicas, en retículas, círculos, triángulos, rombos e liñas zigzagueantes. Destacable é en ambas a presenza da figura humana ─representada de modo simbólico e esquemático─, soa como unha silueta encerrada nun círculo, ou como unha repetición de parellas que parece darse a man na obra Sen Título. Nesta última o peso compositivo recae sobre unha especie de anacos de tea estampada con motivos naturais e grafismos que rompen a orde da composición xeométrica sobre a que se sitúan forzando a reflexión do espectador. Na peza Sen Título de 1995, sérvese dunha técnica mixta para representar unha serie de formas esféricas irregulares de variado tamaño e cromatismo que simulan ser asteroides nun cosmos de azuis e verdes, de tal maneira que configura unha superficie de grumos, manchas, drippings e veladuras.
Bibliografía
SEARA. Romper o vento, Deputación Ourense, Ourense, 2016.
VV. AA.: Colección Caixavigo: pintura, escultura, dibujo, Tomo 3, Caixanova, Vigo, 1995, pp. 250-253.
VV. AA.: Colección de Arte Contemporáneo Unión Fenosa, Unión Fenosa, A Coruña, 2007.
VV. AA.: Enciclopedia Galega Universal (EGU), Tomo 15, Ir Indo Edicións, Vigo, 2002.
VV. AA.: Galicia Arte. Tomo XVI: Arte Contemporáneo, Hércules de Ediciones, A Coruña, 1999, pp. 318-319.
V Bienal de Lalín “Pintor Laxeiro”, Xunta de Galicia, Pontevedra, 2001.