HELENA
Amaral Cardoso, Helena
( Porto, Portugal, 1925 )
Biografía
As obras desta artista exhibíronse en exposicións por Xapón e Europa, principalmente por Francia, onde ten unha grande aceptación entre os coleccionistas. O seu especial vínculo con Galicia, especialmente coa cidade de Vigo, mantense desde finais dos anos 60.
A traxectoria pictórica de Amaral céntrase case monograficamente na temática das flores. Exemplos disto son as seis obras que se conservan na colección de Afundación. Como resulta habitual, a artista dispón as flores nun primeiro plano, sobre un fondo neutro e sen ningún accesorio, o que permite centrar toda a atención sobre o dispendio de colorido de pétalos e follas. Só unha das obras inclúe unha figura feminina, vestida cun traxe rexional con dengue negro e sen trazos distintivos no rostro, que ocupa a parte esquerda da composición. A dereita está ateigada de rosas vermellas e de rosas que se configuran como nun manto e ocupan o resto da superficie.
O estilo desta pintora pódese definir como de influencia impresionista, onde a materia adquire unha grande importancia plasmándose mediante pinceladas empastadas e vigorosas que lle outorgan viveza e dinamismo ao resultado final. Isto apréciase moi ben nas dúas obras desta colección protagonizada por xirasoles, onde ademais desprega a súa gama cromática predilecta de ocres, verdes, marróns e amarelos.
Bibliografía
THE GLADIOLI in Still Life (Helena Amaral_ jusque Vincent Van Gogh), Éditions des Écrivains, París, 2002.