MONCHO AMIGO
Amigo González, Ramón Manuel
( A Coruña, 1952 )
Biografía
Imaxinación renacentista, leonardesca, os máis variados mundos nos que a técnica, a inventiva e a arte se poden combinar interésanlle a este coruñés, a quen atrae tanto a física e a mecánica como a expresión plástica. Participou en notables mostras de deseño na Coruña en 1987 e na denominada “Diseño y tradición”, de 1991, itinerante por varios países. Froito desa paixón por mundos tan heteróxenos é o seu traballo para Dimensións Atlántica, na cidade herculina, en 1988. Realizou mostras individuais de escultura en Santiago, Madrid e Vigo de 1989 a 1991. Participou nas mostras Unión FENOSA e exhibiu as súas pezas de ferro en prazas de diferentes cidades galegas. Importante foi a súa exposición na sede do Colexio de Arquitectos de Vigo. Moncho Amigo, do que o nome completo é Ramón Manuel Amigo González, é, hai que supoñelo, un artista versátil, incapaz de suxeitarse a un único modo de expresión ou de estilo. Obxectos de desfeito industrial, perfís de ferro, chapas oxidadas, integran as súas obras, dunha elegancia e espiritualidade notables, nas que adoita domina-lo sentido ascensional e nas que o contorno parece incorporarse á peza. Brancusi, Alfaro, José Luis Galicia son referencias da súa escultura.
Bibliografía
-Galicia, terra única. Santiago, Xunta de Galicia, 1997 -I Mostra Unión FENOSA. A Coruña, 1989.