ANÓNIMO
, finales del siglo XVI
( )
Biografía
Hai unha longa tradición na pintura española, con escolas en Castela-León, Aragón, Levante, Cataluña, ata que algúns dos nosos artistas viaxan a Italia e reciben as influencias da arte daquel país de pequenos estados onde a pintura se anticipa a modos que despois serán universais. Os primeitos fitos desas innovacións son Fernando Gallegos, Pedro Berruguete, Bartolomé Bermejo, Jaime Hugué. Antes, perdurará a tradición piadosa, en modos hieráticos que conservan moito do gótico, tanto da escultura como da propia pintura. Este exemplar, sobre táboa, é unha bela mostra da arte da España central cando está escasamente avanzado o século XVI. No noso criterio representa os desposorios da Virxe, claro que con atuendos occidentalizados e no modo cristián, aínda que do relato bíblico do Novo Testamento partira o ignorado autor. Tres figuras, hieráticas, de ríxida e elemental anatomía intuíble, constitúen a escena. O sacerdote, un prelado, xunta nas súas mans as de José e María. A futura nai de Cristo ten un halo de distinción. O prometido esposo mostra un xesto tímido, como tremente. Unha arquitectura insinuada, xa renacentista, indícano-la probable data, claro que aproximada, da obra. Aínda se sabe moi pouco de perspectiva e menos da representación natural do corpo humano. Descoñécese a Rafael, a Miguel Angel, a Gozzoli na península ibérica. Aínda non publicou Andrea Vesalio o seu tratado de anatomía, esa Anima fabrica corporis que o fará universal e constituirá referencia inexcusable de todo artista. Tons sobrios, en ocres, grises, verdes esvaídos, xunto a un carmín que parece almagre. Pero as ropaxes non son por completo angulosas, senón que xa voan, e revolean en curvas que amaría Eugenio d=Ors, namorado do Barroco. Insinuantes as miradas, un punto orientais os rostros, coma se o autor contemplara iconos, e claro que manuscritos miniados; gordezuelos e acereixados os beizos, rotundas as expresivas mans. Inxenuidade, beleza, excelente composición con referencias de esquema xeométrico, cal se xa se soubera de Lucca Pacioli. Polo cotián pasa un sopro de espiritualidade. No celeste está, pousando os pés na terra, o case humano.
Bibliografía
CAMÓN AZNAR, J.: Pintura española del siglo XVI, Vol. XXIX de Summa Artis, Edit. Tecnos, Madrid, 1953.
CIRLOT, J. E.: Pintura gótica europea, Edit. Labor, Barcelona, 1969.
GUDIOL, J. M., ALCOLEA GIL, S, e CIRLOT, J. E.: Historia de la pintura en Cataluña, Edit. Tecnos, S. A., 1961, Madrid,
MAYER, A. L.: Historia de la pintura española, Edit. Espasa Calpe, Madrid, 1947.
VALLEJO, C. e outros: Arte gótico. Vol. III, Historia del Arte de Castilla y León. Edit. Ambito, Valladolid, 1995.