ANTÍA MOURE
Moure, Antía
( Monforte de Lemos, 1981 )
Biografía
É unha das máis destacadas autoras do presente artístico galego. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo no ano 2004, amplía a súa formación no universo da cultura pero con outro enfoque; realiza un mestrado en xestión cultural na Universidade Carlos III de Madrid (2006-2007). Obtén a bolsa de ampliación de estudos artísticos Novos Valores da Deputación de Pontevedra tan pronto como acabou a carreira, e realiza unha estancia no Centro Portugués de Serigrafía de Lisboa en 2006. Na súa traxectoria destaca a súa presenza en proxectos como o Arquivo de Creadores de Matadero, o Centro de Creación Contemporánea de Madrid ou o Observatori 2006, así como a súa inclusión na publicación 100 News Artists (2010) da reputada escritora e comisaria británica Francesca Gavin. Realiza a súa primeira exposición individual no ano 2005 en A Chocolataría, D´5 Espazo de Experimentación e Creación Contemporánea en Santiago de Compostela, á que lle seguen numerosas mostras tanto individuais coma colectivas en diversas cidades galegas, Madrid, Alemaña, Portugal, China, etc. Así mesmo participou en destacadas feiras nacionais e internacionais como ARCO e Estampa (Madrid), Espacio Atlántico (Vigo), Dfoto (Donostia), China Internacional Gallery Exposition (Beijing), Bridge Art Fair (Nova York), Arte Lisboa, ou Colonia Liste Köln. Na actualidade reside en Madrid, onde compaxina a súa faceta artística co seu traballo como xestora cultural.
Antía Moure traballa coa idea de espazo e tempo; revela confidencias —que nacen maioritariamente de experiencias reais— a xeito de exorcismo emocional en fotografías de paisaxes desoladas, en fráxiles instalacións ou en desgastados muros e papeis. O texto e a caligrafía son fundamentais na súa obra; engade directas e, en ocasións, incómodas frases —que fusionan o colectivo e o individual— nas paredes de ruinosas estancias. Son monólogos ou recordos dos que se quere desprender, e parece como se o feito de compartilos os fixese menos seus. En relación co recordo, para Moure “lo que recuerdas generalmente es algo mutado, que no es real, deteriorado…”. Toma como referentes, en canto á visceralidade coa que narran as súas historias, a Jenny Holzer, Tracey Emin, Herman Hesse ou Lou Reed. A artista comparte a súa intimidade co espectador dunha forma pasional, sinxela e directa; establécese unha interrelación entre ambos, unha conexión constante en toda a súa produción, e será xustamente a lectura do espectador a que active a historia que se agocha ou que se pretende denunciar.
A obra fotográfica B. (2008), presente na Colección Afundación, pertence ao proxecto Yo también me acordaré de vosotros. Nel traballa con diferentes medios ademais da fotografía e aposta por unha narración fragmentada, un relato elaborado a partir da relectura dunha frase concreta e case aleatoria extraída do corpus intelectual e creativo de seis autores inspiradores para a artista: Baudelaire, Borges, Nietzsche, Rimbaud, Sylvia Plath e María Zambrano. O denominador común é a reflexión verbo da vida desde unha óptica complexa. Na fotografía B. recoñécense elementos recorrentes na súa produción: unha estancia solitaria, unha parede chea de fendas, na que só unha usada cadeira de espadana e un vaso, cos restos dunha natureza outrora viva, habitan esa desolada estancia na que se pode ler a frase escrita sobre a parede “Dos o tres veces había reconstruido un día entero” pertencente ao relato Funes el memorioso (1944) de Jorge Luis Borges; unha cita que nos fala da memoria, neste caso da hipermnesia: a capacidade dunha persoa para lembrar unha cantidade enorme de datos e imaxes.
Bibliografía
A PEL dos sentidos, Museo Provincial de Lugo, Lugo, 2008.
ANTÍA Moure. Grandes batallas, Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 2011.
FISURAS no cotián: nove narradoras no relato da violencia, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Santiago de Compostela, 2006.
NOVOS Valores 04: obra seleccionada, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 2004.
MIRADAS emerxentes, Deputación da Coruña, A Coruña, 2008.
V Premio Auditorio de Galicia para Xoves Artistas 2007, Concello de Santiago, Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 2007.
VV. AA.: 90:08: Artistas galegos do século XXI, Artedardo, Santiago de Compostela, 2007, pp. 108-111.