ANTÓN CABALEIRO
Cabaleiro, Antón
( Santiago de Compostela, 1977 )
Biografía
Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, é doutor en Imaxe, Tecnoloxía e Deseño pola Complutense, #máster en Arte e Novas Tecnoloxías da Universidade Europea de Madrid, MFA en traballo artístico a través de ordenador na School Of Visual Arts de Nova York ─cidade onde reside na actualidade─, e máster en Deseño de Paisaxe na Universidade de Columbia. Obtivo numerosas bolsas como a de ampliación de estudos da Fundación Barrié de la Maza, a de creación artística na estranxeiro Unión Fenosa, ou a da Fundación Laxeiro para novos artistas. Os galardóns son unha constante no seu currículo, entre os que destacan o accésit no Certame Arte Xove Galega da Casa das Artes de Vigo, e o primeiro premio do III Concurso de Fotografía do Cultural do Mundo no ano 2003, que lle permite realizar a súa primeira mostra individual na Galería Marlborough de Madrid (tras ela sucédense numerosas exposicións en destacados espazos como o Bronx Museum de Nova York, o Armory Show, ou o Instituto Cervantes de Pequín). En 2005 obtén o primeiro premio de Artes Plásticas do Concello de Madrid e en 2007 o segundo premio Multimedia Art School of Visual Arts de Nova York. A súa obra forma parte de coleccións como a de Afundación, Bronx Museum of the Arts (Nova York), Caja Madrid, Deputacións de Ourense e da Coruña, Fundación Laxeiro, Concello de Madrid ou a de Unión Fenosa.
Artista multimedia, a súa obra está baseada na hibridación de distintas técnicas como fotografías, debuxos, vídeos etc.; asegura o artista: «As miñas pezas son como colaxes, híbridos, nos que o proceso dixital é evidente». A nivel conceptual, explora a relación entre as novas tecnoloxías e a sociedade desde o punto de vista da vida cotiá, pois como el mesmo sostén: «Para min as experiencias cotiás son esenciais, pois de aí sae todo o material co que traballo. Principalmente, o que me interesa, é como nos afecta a evolución dunha sociedade tecnolóxica que vai sempre por diante de nós, ditando novas normas e transformando as xa establecidas; ofrecendo novos enxeños que ao mesmo tempo xeran novas necesidades. Unha sociedade que parece estar a piques de excedernos en todo momento e de devorarnos con esa velocidade coa que se desenvolve».
Na Colección Afundación figura o audiovisual “The Empire State Essay #1” pertencente a unha serie que exhibiu no Spain Art Fest´10, tras ser seleccionado polo Consulado de España en Nova York, a Times Square Alliance e Culture Spain. O proxecto confórmano catro vídeos de animación nos que enfronta dúas visións opostas da Gran Mazá. Por unha banda, a Nova York idealizada e chea de oportunidades difundida polos medios de masas (que forma parte do imaxinario popular), e doutra banda, a cidade dominada pola soidade e a frustración no seu plano íntimo e cotián. Nada queda suxeito ao azar nestes curtos onde as imaxes basee das animacións presentan unha estética moi coidada na que se mesturan as ilustracións con mensaxes escritas a modo de propaganda, a cor e o branco e negro, e a música americana co ruído da urbe. No ensaio #1-, aborda a perspectiva cotiá da cidade desde o punto de vista dunha muller alérxica ao po que describe o seu apartamento. As incongruencias, os contrastes e as contradicións resultan fundamentais e exemplifican o traballo crítico e directo de Cabaleiro.
Bibliografía
VV. AA.: Catálogo del patrimonio artístico de la Diputación de A Coruña II. Artes Plásticas (1990-2010), Tomo 1, Deputación da Coruña, A Coruña, A Coruña, 2011, pp. 98-100.
VV. AA.: 90:08: Artistas galegos do século XXI, Artedardo, Santiago de Compostela, 2007, pp. 44-47.