ARAMBURU
Aramburu Núñez, Manuel
( León, 8 de abril de 1936 - Pontevedra, 20 de junio de 2015 )
Biografía
Dedicado inicialmente a actividades comerciais que comparte coa súa afección á pintura, Aramburu entrégase por completo á creación plástica a partir dos anos 1968-69, cando a Deputación Provincial de Pontevedra lle concedeu unha bolsa para estudiar en París. Cultiva a paisaxe e empeza a se interesar por determinadas morfoloxías dos despezamentos de barcos, que acabarán por seren o seu tema monográfico, que vai compartir unicamente co retrato. Foi galardoado coa medalla de ouro na exposición provincial de Pontevedra de 1976 e coa terceira medalla na Bienal Internacional da mesma cidade e no mesmo ano. Tres anos máis tarde, en 1979, distinguírono coa primeira medalla no concurso nacional Área Naval de Cultura da Mariña. Realizou numerosas exposicións en toda España e mais en cidades do estranxeiro; a súa obra é máis coñecida nos países escandinavos. Está representado nos museos de Galicia, no Rathaus der Stad de Colonia, Alemaña, e mais en moitos centros oficiais e sedes de embaixadas de Europa. Dende o paisaxismo tradicional, de vaga adscrición impresionista, Aramburu derivou cara a unha peculiar concepción estética, en vermellos e negros, con sentido abstractivo, a base de texturas rugosas, perfís agresivos, oquedades, sinuosidades e superficies maltreitas nas que se recrea a particular epiderme do ferro despintado e machucado. Resultan preocupantes estas representacións realistas e sen embargo idealizadas, ata constituiren un mundo propio e diferenciador.
Bibliografía
20 AÑOS de arte en Pontevedra, Deputación Pontevedra, Pontevedra, 1989.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, Vigo, 1981.
VV. AA.: Aramburu, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1991.