VICENTE ARNÁS
Arnás Lozano, Vicente
( Madrid, 1949 )
Biografía
Vicente Arnás estudou Artes e Oficios na súa cidade natal, aínda que se define como autodidacta. Destaca a súa faceta como debuxante, que lle facilitaría o seu ingreso no ámbito publicitario no que traballaría no inicio da súa carreira. Traballou principalmente a pintura e o gravado, técnica esta última na que destaca a serie Tauromaquias.
Entre os recoñecementos que recibiu ao longo da súa carreira atópanse a Medalla de Honor do Premio de Pintura BMW, o Primeiro Premio dea Real Maestranza de Sevilla, o Primeiro Premio de Pintura do Exército ou o nomeamento como académico correspondente da Real Academia de Belas Artes de Santa Isabel de Hungría de Sevilla.
A súa obra consérvase en coleccións públicas e privadas como a do Museo de Arte Contemporánea de Sasamón (Burgos), a do Museo de Jaén, a de Calcografía Nacional, a do Ministerio de Defensa ou a do Museo Español do Gravado Contemporáneo de Marbella. Así mesmo, a súa participación en exposicións foi constante desde que en 1976 celebrou a súa primeira mostra na madrileña sala Macarrón, principalmente a nivel nacional, e a súa obra exhibiuse en galerías e institucións de cidades como Ourense, Madrid, Alacant, Sevilla, Xixón ou León, entre outras. Integrante do grupo Nove Expresións, participou cos seus membros en diversas mostras colectivas, así como en viaxes nas que percorreron toda Europa.
Experto debuxante, Arnás desenvolveu un estilo propio no que destaca o seu amor polo detalle e pola recreación de atmosferas oníricas nas que habitan seres de inspiración histórica que parecen saídos de obras de grandes mestres da pintura como Velázquez, Arcimboldo ou Watteau, entre outros. As escenas vólvense atemporais e desenvólvense sobre fondos indefinidos, o que lle permite ao autor recrearse en expresións, indumentarias e obxectos de reminiscencia antiga recreados con toda a minuciosidade.
As obras Os alguaciliños e O clan, ambas datadas a comezos da década dos anos 90, responden as características mencionadas. Na primeira delas, o autor dispón nun primeiro plano as figuras, que en realidade se trata da mesma reflectida nun espello. Elegantemente vestida, recorda o uniforme dos alguacís do século XVII, tocado con chambergo de plumas e impoluto pescozo branco rematado con encaixe. Ante esta figura dispón unha peza de cabalo de xadrez, que simbolizaría o animal sobre o que debería de realizar o paseíño pola praza. A alta capacidade técnica de Arnás reflíctese na minuciosidade da indumentaria, na expresión do rostro e na aplicación da cor, que destaca principalmente no penacho de plumas, así como no emprego de diversas técnicas que se complementan, como o gouache, o pastel ou a acuarela nunha mesma composición.
Na segunda obra, un home retratado de perfil, con hábito de bispo e cunha cola de peixe a xeito de mitra, acompáñase de diferentes figuras de animais como unha cegoña ou un mono. Así logra unha composición onírica que recorda as escenas recreadas por O Bosco ou Arcimboldo, lograda a través do seu estilo particular onde unha vez máis queda constancia da súa pericia co debuxo e coa pincelada minuciosa que logran un realismo de alta calidade.
Bibliografía
Arce López, M.A: Vicente Arnás. Catálogo. Madrid, Galerías Macarrón y Balboa, 1991.
Rubio Nomblot, Javier: Nueve Expresiones. Madrid, Edifur, 1994.
VV.AA: Diccionario de pintores y Escultores españoles del siglo XX. Vol. 1. Madrid, Edit. Forum Artis, 1994.