ARRONDO
Arrondo Moro, Ignacio
( Vigo, 1917 - 2000 )
Biografía
Sensibilidade artística moi acusada, foi actor na súa mocidade e durante moitos anos mantivo na Radio unha sección de poesía recitada; tamén é un excelente caricaturista. Na pintura cultiva indistintamente o óleo e maila acuarela e xéneros coma a paisaxe e mailo retrato. Obtivo premio no certame da Dotación de arte Castellblanch de 1969 e concorreu ás Bienais de Pontevedra, onde na de 1991 destacou cun espléndido retrato do pintor Laxeiro. Figura en Museos de Galicia e realizou numerosas exposicións individuais. A pintura de Arrondo parte de modos impresionistas e sempre, dentro dunha ampla liberdade, ten referencias formais. A súa paleta é quente, de intención lírica, con expresións moi substanciosas. O gusto pola poesía acúsase na pintura, con elementos idealizados dentro dunha deliberada sinxeleza.
Bibliografía
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1981, Vigo.