AYASO
Ayaso Dios, Manuel
( Aguiño, Ribeira, A Coruña, 1 de enero de 1934 - Ribeira, A Coruña, 15 de mayo de 2023 )
Biografía
Manuel Ayaso vive a súa infancia entre Aguiño, Ribeira e A Pobra do Caramiñal, en plena posguerra; época marcada en Galicia pola emigración e pola penuria económica. O mundo do mar e dos mitos da súa terra serán fundamentais na súa futura produción. Emigra con trece anos aos Estados Unidos, e obtén unha bolsa na Escola de Newark (1953-1956) onde se aproxima ao debuxo, á pintura, á cerámica e á escultura. Nacionalízase americano e incorpórase ao Terceiro Exército dos Estados Unidos de Atlanta, no que se ocupa do deseño de obras de teatro e baile. O Centro de Oficiais, con coñecemento do seu talento, asígnalle un estudio propio no que xorden as súas primeiras obras, que vende na Nova Galería de Nova York.
En 1959 realiza a súa primeira viaxe a España, e na súa visita ao Museo do Prado achará referentes e influencias para o seu traballo. Un ano máis tarde regresa aos Estados Unidos, comeza a traballar coa prestixiosa galería neoiorquina Cober Gallery e obtén o Premio Trubeck del Monclair Art Museum. En 1963 consegue unha bolsa da Fundación Tiffany que lle permite residir durante ano e medio en España, onde se empapa do universo artístico do Prado. Ao seu regreso, é fichado pola Forum Gallery e a súa actividade expositiva vese intensificada nas décadas dos setenta e oitenta; expón en importantes cidades dos Estados Unidos e de Canadá. A década dos noventa é a do recoñecemento como pintor galego. En 1997 realiza a súa primeira exposición na Casa da Parra en Santiago, toda unha revelación, pois ata ese momento era practicamente descoñecido para o público español. Ao longo da súa traxectoria a súa obra incorporouse a destacadas coleccións como a do Museo Whitney de Nova York, Universidade de Massachusets ou a da Universidade de Oregón, así como a distintas fundacións privadas de América, Israel e México.
Ayaso é un virtuoso debuxante que estilisticamente se pode enmarcar dentro do expresionismo con múltiples referencias surrealistas. Entre as súas influencias destacan Goya, en particular as súas pinturas negras, Max Ernst, O Bosco, o barroco español de Valdés Leal, e Gutiérrez Solana. Tecnicamente utiliza a colaxe, a frottage, o gouache, a pluma e lapis de cores. Nos sesenta comeza a empregar unha técnica cuxas orixes se sitúan arredor do século XIII: a punta de prata. A aparencia característica que adquiren as obras debido ao proceso de oxidación da prata encaixa á perfección no formato pequeno, case de miniatura, que acostuma a traballar Ayaso.
Nas tres obras da Colección Afundación emprega a colaxe e a punta de prata. Na máis temperá, Soños flotantes (1990), un conxunto de grotescos personaxes —que evocan desde seres mitolóxicos a estamentos eclesiásticos ou culturas alleas— parecen levitar xunto con animais imaxinarios arredor dun cadro que presenta unha inquietante escena. Trátase dunha peza delicada cargada de simbolismo. Nas outras dúas, Escena I e Escena II (1996), está presente ese «gran teatro del mundo o circo de la vida» ao que facía alusión Mercedes Rozas. Na primeira, de carácter máis expresionista, os grotescos personaxes sitúanse sobre podios nun escenario nu só ocupado por flores e pola cuncha do apuntador. Escena II é unha composición de maior complexidade e lirismo na que se evidencia unha linguaxe cifrada cuxos antecedentes poden acharse en O Bosco, Ponç ou Ernst.
Bibliografía
AYASO. Testemuña do invisible, Concello da Coruña, A Coruña, 2023.
MANUEL Ayaso. Kafka, Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, Ribeira, A Coruña, 2021.
MANUEL Ayaso, Deputación Provincial da Coruña, A Coruña, 2012.
MANUEL Ayaso, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Comunicación Social, Dirección Xeral de Promoción Cultural, Santiago de Compostela, 1997.
Obra reproducida no catálogo da exposición da Casa da Parra.