ALBERTO BARREIRO
Barreiro González, Alberto
( Pontevedra, 1968 )
Biografía
Formouse na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, na que obtivo a licenciatura en 1995 e onde realizou posteriormente os cursos de doutoramento. Máis tarde trasladouse á Escola de Arte Winchester, da Universidade de Southampton, Reino Unido, onde traballa e estudia en 1998.
Comezou a expoñer en 1991, en Vigo, e posteriormente fíxoo en Inglaterra, Compostela, Ourense, A Coruña, Oviedo. Foi seleccionado na Bienal de Novos Valores de Pontevedra, en 1997, e obtivo bolsas de estudios para Inglaterra, para a Universidade de Vigo, para a Deputación de Pontevedra e outras institucións.
A plástica de Alberto Barreiro é unha combinación de elementos que incorporan inxenios de última xeración, como o vídeo e o ordenador, ou a fotografía na pintura. Adoita traballar sobre superficies de considerables dimensións, suxerindo paisaxes ideais nos que a apariencia convencional das referencias desaparece para mostrar texturas insólitas, abigarradas, que ás veces se achega a modos da pintura naïf. Tamén se expresa con linguaxes referenciais, de novas semióticas, sígnicas, tal como se determinados tecidos de porosidade microscópica, convenientemente agrandados, suxeriran camiños, entrelazamentos, profundidades abisais. Unha considerable carga intelectual referencia esta obra que se anticipa a un futuro previsible, no que o efémero se perpetúa e o convencional se transforma.
Bibliografía
Alberto Barreiro. Una simple cuestión de combinatoria, Galería Sargadelos, Santiago de Compostela, 1998.