RAMÓN CAAMAÑO
Caamaño Bentín, Ramón
( Muxía, A Coruña, 9 de noviembre de 1908 - 13 de mayo de 2007 )
Biografía
O realismo cabal, desde medios modestos, mais cunha capacidade de transcender o inmediato, o cotián, para acadar valores etnográficos transcendentes, define a tarefa deste artista da cámara, que traballaba en ámbitos rurais ou en vilas, captando a tipoloxía e os feitos sociais do seu contorno.
Ramón Caamaño naceu en Muxía, localidade da nomeada Costa da Morte, en 1908. Nun autodidacto que adquire a súa primeira cámara cando só contaba dezaseis anos. Pouco despois, en 1927 compra un proxector Pathe Baby, co que leva a cabo sesións de cinema en locais improvisados e tamén ó aire libre, compartindo esta tarefa coa de fotógrafo.
Ó longo da guerra civil, en 1937, marcha a Cee, onde vive vinte anos, e despois en Corcubión, aínda que acode a súa aldea natal, onde lle axuda o seu xenro Ramón Pose, e onde hoxe en día están as súas imaxes e o seu acervo de cámaras de fotografar.
Os animadores do Centro de Estudio Fotográficos de Vigo e auspiciadores da Bienal Fotográfica da mesma cidade, Manuel Sendón e José Luis Suárez Canal, toman interese pola obra de Caamaño, e co título Retratos da Costa da Morte fan unha prestixiosa mostra que presentan no Centro Cultural Caixanova ó comezo do novo milenio, que despois percorrerá outras cidades de Galicia, abraiando ó público interesado na forza expresiva e na calidade formal deste artista do obxectivo, de indubidable potencial antropolóxico.
Os paisanos galegos dunha sociedade xa desaparecida están retidos na obra de Caamaño, e escenas cotiás desde os fastos á morte. Intensas facianas que olen a verdade, xente de domingo, que loce as súas mellores galas e salientan a súa figura diante de decoracións improvisadas.
Inevitablemente temos que aludir a De family of man, obra fotográfica de interese mundial que posue o Museo de Arte Moderno de Nueva York no pasado século, glosada polo poeta Carl Sandburg, con intención de transcender do cotián, a que coincide co fotógrafo galego, que probablemente non coñeceu o amplo traballo realizado en multitude de países.
Xente de luto, sobrias vestimentas, xestos austeros, facianas como talladas a machadazos. Unha inefable dignidade na humildade desta tipoloxía, imbuida na importancia de perpetuar nunha cartolina como único testemuño, quizais, nas súas vidas sen outros acontecementos.
Evidentemente a simple captación dunha persoa, dun feito, é dicir, a anécdota, sublima a categoría de arte quen manipulou a cámara e a penas retoca nin complementa os seus negativos. O fondo psicolóxico, a inqueda emoción sae, desbordando da concisa realidade, para acadar a condición de arte.
Bibliografía
SENDÓN M. e SUÁREZ CANAL, X. L.: Ramón Caamaño. Retratos da Costa da Morte, Caixanova, Vigo, 2001.
SENDÓN M. e SUÁREZ CANAL, X. L.: Imaxes na penumbra. A fotografía afeccionada en Galicia (1950-1965), Edic. Xerais, Vigo, 1998.
RIBAO, R.: «Ramón Caamaño fotógrafo muxián». Revista Tempos Novos, número 58. Marzo 2002. , pags. 68 - 71.