XAIME CABANAS
Lorenzo Cabanas, Jaime Francisco
( A Coruña, 1953 - 25 de julio de 2013 )
Biografía
Nacido no popular barrio coruñés de Montealto, Xaime Cabanas vivirá unha infancia e xuventude marcadas polos aires de renovación e liberdade que se comezaban a respirar nos anos 60 en plena ditadura franquista. Os seus primeiros pasos no ámbito artístico dáos na compañía de Chelín, Paco Zapata e Juan e Mon Vasco, que se interesarán pola abstracción e polo poscubismo. Paralelamente, traballará en diversas imprentas e traballará o gravado e o debuxo.
A comezos dos anos 70 ten a ocasión de viaxar por Europa e coñecer novas correntes artísticas, e a creadores como Cecil King, Nawar ou Le Parc, que influirán na súa carreira. Nesta década colaborará coa galería Mestre Mateo e co grupo Sisga, do que tamén eran partícipes Ignacio Ferrari, Xosé Espona, Roures ou García Varela, que tiña como obxectivo a socialización da arte a través dunha linguaxe rupturista, con influencias da abstracción, da arte pop, da nova figuración ou do construtivismo. Tamén nese decenio establecerá relación cos grupos Galga e A Carón, para a comezos dos anos 80 traballar co grupo Atlántica, grazas ao cal se internou no mundo da instalación.
Esta última década foi de exploración para Cabanas, que percorreu multitude de países, e expuxo en Colombia, Xapón e en cidades estadounidenses como Texas ou San Francisco, sen esquecerse da súa terra natal. Acudiu á Primeira Mostra Unión Fenosa de 1989 e á Bienal de Pontevedra de 1990. Son varias as coleccións públicas, corporativas e privadas que posúen obra deste pintor, entre as que destacan as do Museo de Arte Contemporánea de Vigo - MARCO, a do Museo de Belas Artes da Coruña, a do Museo de Arte Contemporánea de Madrid ou a do Parlamento de Galicia.
O estilo pictórico de Cabanas evolucionou desde o expresionismo a unha abstracción na que predomina o xesto elaborado, que recreaba a través dunha paleta na que predominan grises, negros, brancos e azuis de xeito que lle achega sobriedade ao resultado final. Respecto da temática, esta foi moi variada na carreira deste autor, que sentiu predilección polo cotián reinterpretado a través dunha visión moi persoal, cargada en moitas ocasións de reflexións sobre a vida e a arte.
Interesado polas texturas, utilizou en gran medida a técnica mixta, incorporou moitas veces colaxes ás súas composicións, cuxos fondos se amosan indefinidos, sen concretar e aparentemente inacabados e fomenta que sexa o espectador quen se perda por eses espazos inabarcables. As obras Serviola e Palmeira rabuda II son dous exemplos da produción deste autor conservados nesta colección e ambos se encadran nos últimos anos da década dos anos 90.
Serviola pertence á serie Memorias do arpoador, dedicada aos pescadores e á mar. Nela, unha figura sedente, resolta en manchas planas negras, sitúase en primeiro plano observando o mar no que navega un barco ao fondo da composición. O trazo dunhas liñas diagonais en plano medio e na parte dereita da composición outorgan perspectiva a esta. A paleta neutra de grises, brancos e negros, así como o contraste de texturas responden ao característico estilo de Cabanas.
A importancia que este autor lle concedía á materia tamén se reflicte en Palmeira rabuda II, onde o autor sitúa a árbore do título no que podería entenderse como un oasis resolto nun azul intenso que destaca sobre un fondo gris indefinido que constituiría un deserto baleiro, carente de alusións reais.
Bibliografía
ATLÁNTICA 80. Últimas tendencias das artes plásticas en Galicia, Ayuntamiento de Baiona, Baiona, 1980.
ATLÁNTICA, Ayuntamiento de Madrid, Madrid, 1981.
ATLÁNTICA. Vigo, 1980 - 1986, MARCO, Vigo, 2002.
CABANAS MMI, Palacio Municipal de Exposiciones Kiosko Alfonso, Concello A Coruña, A Coruña, 2001.
CABANAS 2003, Galería Ana Vilaseco, A Coruña, 2003.
GALGA: Colectivo de Comunicación Obxectual, Edicións do Castro, Carnoedo, Sada, 1981.
LA GALGA, nº 0, Colectivo La Galga, A Coruña, 2001.