CÁNDIDO PAZOS
Pazos López, Cándido
( Santiago de Compostela, 1943 )
Biografía
A unha temperá idade destaca no atletismo, deporte no que logra grandes recoñecementos; a súa inquietude e curiosidade características levaranlle a explorar o automobilismo, a pesca submarina ou a aeronáutica. No universo artístico, fórmase na Escola de Arte Mestra Mateo de Santiago de Compostela, onde ten como profesor a Fernando Mayer, destacada figura no campo da xoiería. Inicia a súa traxectoria artística no debuxo, disciplina na que obtén o Premio Nacional de Debuxo; asegura o propio artista que a súa evolución cre que foi un proceso natural, pois «para facer esculturas é necesario dominar a ilustración, e unha cousa leva á outra. O primeiro paso de cada peza son os bosquexos, onde xa se reflicte o que logo plasmas nas obras finalizadas». No campo escultórico, ao que chega de forma tardía e que lle reporta a súa maior notoriedade, traballa principalmente por encargo ─realizou traballos para a Casa Real Española, Paradores de Turismo, Xunta de Galicia, Parques Nacionais ou para o Ministerio de Medio Ambiente─ e entre as súas monumentais obras públicas, cabe destacar Porta Itineris Sancti Iacobi ou Puerta de Europa (Santiago), a Fonte da Peregrina (Santiago), o monumento ao papa Bieito XVI (Santiago), o Arco del Camino (Logroño), o Monumento a los marineros muertos en mar (Vigo), ou as esferas armilares do hall do Parlamento Europeo (Bruxelas), institución onde realiza unha exposición.
Multifacético e cun currículo inabarcable, considéraselle un «home do Renacemento» pola cantidade de disciplinas que abordou con éxito. Entre elas, resalta o paisaxismo e a xardinería; obtén o primeiro premio de Xardinería de Paradores e así mesmo é galardoado co premio á flor máis orixinal en Bruxelas pola súa camelia Xacobea. Ademais, é un gran embaixador do aceite desta planta ornamental galega, e no seu impresionante xardín en Trobe, Vedra, atópanse unhas mil camelias trenzadas. Doutra banda, a súa paixón polo Camiño de Santiago, do que é un excepcional embaixador, lévalle a publicar a súa persoal actualización do Códice Calixtino e a realizar numerosas obras dedicadas ao Roteiro Xacobeo, principalmente esculturas. Na disciplina escultórica, focaliza o seu interese en Grecia, e aúna tradición e modernidade cunha elegancia e expresividade que definen pezas, principalmente en gran formato, minuciosamente traballadas ─chegou a alcanzar os oito metros de altura─ con materiais como o granito, lousa, bronce ou madeira, así como outros menos habituais, e algúns vinculados á xoiería, como a serpentina ─o seu material predilecto─, o acibeche ou a prata. As súas temáticas abarcan desde o Camiño de Santiago, ata a maternidade, o mar, a mitoloxía ou a relixión, cunha gran presenza da figura humana. Na súa obra resulta fundamental a emoción; asegura: «A arte ten que emocionarche primeiro a ti, para que despois emocione aos demais».
Na Colección Afundación figuran seis obras do creador santiagués de nacemento e estradense de adopción; cinco esculturas realizadas con diversos materiais: bronce, cera, escaiola, serpentina e lousa, nas que representa, con certas doses abstractivas, formas corpóreas de personaxes como Breogán ou Bríxida, así como unha cabeza dun corcel, e cun maior realismo a Teucro, mítico heroe fundador da urbe de Pontevedra, que aparece impoñente con seis metros de altura como un novo atleta espido que porta un arco modernista na cuberta da Sede Afundación. Así mesmo, no devandito edificio, realizou os xardíns colgantes e a fervenza de auga ─cun innovador sistema que mantén unha atmosfera controlada─ que denominou Jardines de Babilonia.
Bibliografía
CÁNDIDO Pazos: Esculturas, Galería La Campana, Santiago de Compostela, 2000.
LA GALICIE et L'Europe: Sculptures, Galería La Campana, Santiago de Compostela, 2002.