• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

Carmucha Vázquez

Vázquez Prats, María del Carmen

( Pontevedra, 5 de noviembre de 1934 - )

Biografía

Carmucha Vázquez Prats nace no seo dunha familia obreira, filla de Alfonso Vázquez xefe da estación ferroviaria e María del Carmen Prats ama de casa. Á idade de cinco anos trasladouse coa súa familia a Benavente (Zamora), por mor do traballo do seu pai. Alí reside ata os 13 anos, momento en que regresan a Galicia e aséntanse en Ourense, cidade na que permanece todos estes anos ata a actualidade e que se converte no escenario principal da súa traxectoria artística.  Desde temperá idade fai as súas primeiras aproximacións ao mundo artístico a través do debuxo, a pintura e a música. 

En 1956 convértese en discípula do pintor Luciano Cárcamo, quen transforma unha antiga tenda de arte nun pequeno estudo para novos pintores. Baixo a súa orientación aprende o manexo da espátula, técnica pouco habitual entre os artistas da época e que se acaba convertendo nuns dos seus sinais de identidade. Paralelamente desenvolve a actividade docente como profesora de Traballos Manuais e posteriormente como mestra adxunta de Debuxo na Escola Normal de Maxisterio, no Instituto Otero Pedrayo e no Instituto Branco Amor de Ourense. 

Desde a súa primeira exposición en 1958, a obra de Carmucha Vázquez orientouse cara a unha representación poética e emocional da realidade e a paisaxe galega. A súa produción artística constrúe un universo en que Galicia, sobre todo Ourense, aparece como eixo temático fundamental, aínda que se afasta das narrativas folclóricas ou historicistas. A través dunha dimensión cotiá, Carmucha desenvolve unha iconografía centrada na paisaxe, en escenas rurais e en figuras anónimas rurais, convertidas en visións atemporais.  

A técnica da espátula adquire un protagonismo case absoluto a partir da súa primeira exposición individual, celebrada en 1962 na Sala de Arte Xuvenil de Ourense. Desde ese momento, abandona practicamente o uso do pincel nos seus óleos, desenvolvendo unha linguaxe matérico onde grosas e enérxicas liñas fan vibrar unha superficie, cuxa densidade cromática, transfórmana en lírica. 

En novembro de 1966 realiza a súa primeira exposición internacional na Sala de Arte de Lambermont de Bruxelas, nun contexto europeo de fortes tensións políticas. Entre os anos 1969 e 1972, Carmen interrompe temporalmente a súa actividade expositiva, pero non a artística, por mor do falecemento do seu primeiro fillo, que marcou profundamente as composicións dos seus óleos. Co nacemento do seu segundo fillo en 1973, regresa ao ámbito público mediante unha exposición no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Ao longo das décadas seguintes consolidou unha ampla traxectoria expositiva tanto nacional como internacional. Entre  estas mostras destaca a exposición na Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra en 1983, a inauguración en 1986 do seu estudo de pintura na rúa Santo Domingo de Ourense–que incluía unha pequena sala permanente de para a exhibición da súa obra–, a exposición individual celebrada non Centro Galego de México en 1995 ou a retrospectiva organizada polo Concello de Ourense en 2019

A súa longa traxectoria foi recoñecida por diversos galardóns e homenaxes. En 1959 obtivo o Primeiro Premio de Pintura da VI Exposición da Obra Sindical Educación e Descanso en Ourense. Posteriormente recibiu o Premio Popular 1918 na categoría de Arte e en 2006 foi homenaxeada polo Concello de Ourense durante os actos do Día da Muller Traballadora en recoñecemento á súa carreira artística e docente.

Bibliografía

VV. AA.: Carmucha Vázquez Prats: [catálogo dá exposición], Centro cultura-Deputación Ourense, Ourense, 2008.

Obra

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    [email protected]
    986 12 00 84 / 986 12 00 78