VÍCTOR CASAS
Casas Julián, Víctor
( Pontevedra, 1936 )
Biografía
Víctor Casas formouse en Madrid na Escola de San Fernando, no Círculo de Belas Artes e en Fomento das Artes, para posteriormente pasar a colaborar producindo gravados cos artistas Amadeo Roca e Eduardo Peña no obradoiro Tres en Raia.
Participou asiduamente en diversos certames pictóricos, como o IV Concurso de Pintura de Ponferrada ou na VI Bienal Internacional de Pontevedra, onde obtivo a medalla de ouro e a de bronce, respectivamente. A obra deste autor, grande amante das viaxes, está representada en coleccións privadas e institucionais a nivel nacional.
O estilo de Casas pódese definir como intimista e entre os xéneros máis traballados están os do bodegón e a paisaxe, que ao mesmo tempo son os máis recoñecidos da súa produción. A obra titulada Liberación recrea unha escena protagonizada por catro figuras que forman unha roda, centradas no acto de liberar as mans aprisionadas dunha delas, mirándose entre si á cara. Sobre un fondo neutro de ton ocre recórtanse estas figuras, das que apenas se aprecian as súas cabezas e rostros, logradas a partir de masas de cores avermelladas que se dilúen nunha composición de cromática que transmite unha atmosfera de tranquilidade e que contrasta co momento de acción representado. O carácter intimista que lles imprime ás súas obras con figuras queda perfectamente reflectido neste exemplo. Así mesmo, pódese concluír que aínda que esta obra está realizada ao óleo, este autor destaca polo emprego da acuarela.
Bibliografía
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Pablos, Francisco: Colección Adriano Marques de Magallanes. Vigo, Concello, 1992.
Chávarri, Raúl: La pintura española actual. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1981.
Diccionario de artistas españoles. Madrid, Dir. Gral. de Bellas Artes.
Diccionario de pintores españoles contemporáneos, dirigido por J. I. de Blas. Madrid, Estiarte Edic., 1972.
20 años de arte en Pontevedra. Pontevedra, Diputación Provincial, 1989.