CASTRO GIL
Castro Gil, Manuel
( Lugo, 20 de enero de 1891 - Madrid, 1963 )
Biografía
Na tradición de excelentes gravadores con que conta Galicia, Castro Gil é, tecnicamente, a máis alta cota. Aínda que tamén cultivou a pintura, é o gravador por excelencia, con fama e maxisterio considerables. Enraizado na cidade natal, da que seu pai era arquiveiro, é o maior dunha familia numerosa de oito irmáns, e dende moi neno manifesta unha característica que vai se-la conductora da súa vida e, en definitiva, do seu éxito: vontade de gran traballador. Inicia os seus estudios de debuxo como alumno de Manuel Fole, que deixa unha clara pegada nel, e cursa bacharelato e maxisterio con aproveitamento, posto que acada ambos títulos antes de cumpri-los 16 anos. Cunha bolsa de estudios que lle concede a Deputación de Lugo, Manuel trasládase a Madrid en 1917 para realizar estudios superiores na Escola de San Fernando, na que é discípulo de Ferrant, Vera, Muñoz Degrain e Moreno Carbonero. As leccións iniciais de gravado recíbeas de Verger e mais Esteve Botey. A característica persoal do galego maniféstase en Madrid, xa que reparte o seu tempo de tal xeito que é estudiante aproveitado, debuxa para publicacións periódicas da época e asiste a tertulias literarias nas que deixa a súa pegada, coma a do seu paisano Valle-Inclán, na Granja del Henar, e a de Ramón Gómez de la Serna, en Pombo. O seu sentido práctico lévao a buscar un xeito seguro de subsistencia, baseado na súa arte, e ingresa no cadro de persoal da Fábrica de Moeda, de maneira que efectos do Banco de España e billetes de uso común manifestarán, durante moitos anos, a exquisitez do seu buril. O seu nome esténdese axiña, dado que é firma habitual en Blanco y Negro e mais en La Esfera, principais publicacións ilustradas dos anos posteriores á grande guerra europea. Busca as recompensas oficiais que reafirmen o seu prestixio e en 1920 obtén o segundo premio no concurso de gravado do Círculo de Belas Artes, en 1922, a segunda medalla de gravado na Exposición Nacional de Belas Artes, por unha temática que definirá a súa angueira durante moito tempo: mosteiros, vellos recunchos esquecidos, ruínas e, en fin, paisaxes de corte intensamente romántico. Repite en 1924 a segunda medalla na Nacional de Belas Artes por unha peza maxistral, Cidade castelá e, ó cabo, o primeiro premio no concurso nacional de gravado, en 1925, por Tierras de Santa Teresa. O estilo, a personalidade, o maxisterio técnico absoluto do galego están consolidados. A Xunta para Ampliación de Estudios, antecedente do Consello Superior de Investigacións Científicas, concédelle unha bolsa de estudios para viaxar a París, onde realiza unha exposición que acada un gran éxito, ata o punto de dedicarlle unha crónica Enrique Gómez Carrillo, o comentarista máis exquisito e admirado destes anos. Desde Francia, Castro Gil trasládase a Bélxica, país con cidades cun ambiente e clima que lle lembran a súa Galicia natal. Un gravado que representa a Catedral de Malinas forma parte do tríptico que coa ponte de Ondárroa e un monumento parisino completan o tríptico que lle dá o galardón ó que estivera aspirando moito tempo, a primeira medalla na Nacional de Belas Artes, en 1930. Regresa a España e segue o seu intenso traballo. Ilustra, cunha serie de augafortes, Las hogueras de España, de Antonio de Hoyos y Vinent. Viaxa a Londres, onde expón en 1928 cun éxito total, xa que os coleccionistas británicos se apaixonan pola calidade técnica e o debuxo perfecto de Castro Gil. A obra do galego continúa a súa andadura e expón en Nova York, México, A Habana, Bos Aires. Desde 1934 é profesor da Escola Nacional de Artes Gráficas, na que, entre outros discípulos, conta nada menos que con José Gutiérrez Solana, para quen o galego auspicia unha homenaxe desde a agrupación que leva o seu nome, creada entre os seus discípulos e admiradores e da que é principal animador. Galicia tamén o agasalla. É nomeado membro correspondente das Reais Academias de Belas Artes do Rosario e da Galega. Á súa terra natal acudiu a miúdo na súa obra, como acontece coa exposición rexional de 1917, onde na sala de honor se exhiben varias paisaxes súas ó óleo, modalidade que cultiva ocasionalmente. Castro Gil toma apuntes nas cidades de Galicia, e, froito deles, é un grande repertorio temático no que destaca a súa peza á augaforte sobre o Pórtico da Gloria compostelán. Rematada a contenda civil, Castro Gil, seguindo a Goya, quen con Rembrant e Durero é o artista que máis admira, realiza unha serie de gravados titulada Desastres de la guerra, onde consuma a expresión da súa excepcional técnica. Recibe encargos, que realiza sen concesión ningunha ó tópico, coma a serie sobre altos fornos e fundición de grandes pezas, para unha industria do País Vasco, exemplo da calidade do seu debuxo. Ama a súa cidade natal, á que doará tódalas ferramentas do seu taller privado e numerosas pranchas expostas hoxe no Museo local, de visita imprescindible para coñecer, de veras, o mundo persoal deste artista. Sen acougo, en plena gloria, falece en Madrid en 1961, cando conta 70 anos, e sucédenlle o maxisterio estendido e o prestixio inmurchable. Castro Gil é fundamentalmente un gravador augafortista, aínda que tamén domine, pola súa condición de debuxante segurísimo, a punta seca. O clarescuro, o vigor expresivo nas arquitecturas, a textura das súas impresións, a utilización de tintas inusitadas, coma as verdes, fan inconfundible o seu traballo. Todo nel é poderoso, seguro, impresionante. O escritor Wenceslao Fernández Flórez, que utilizou un debuxo de Castro Gil para a súa mellor obra, El bosque animado, di do gravador: "Ten ben probada unha particularidade que, sen dúbida, habería que explicar por unha cuestión racial: por innatas inclinacións da súa natureza céltica. Sente as pedras e mailas árbores. Ama a ese ser maravilloso que, por estar suxeito á terra e vivir dela polas súas raíces e mais eleva-lo cume ó alto en aspiracións celestes, é o mellor símbolo do home ou case máis home ca un home, polo seu esquematismo cabal. Ama tamén as vellas ruínas cosidas con hedra, a fermosura que dorme no recuncho dunha rúa, a que xorde dun feliz amoreamento de casas, a dun simple muro en pé que aínda conserva un rosetón sen vidros. E ninguén sabe extraer tanta emoción coma el dos seus frecuentes veneros".
Bibliografía
AGUILERA, E.: Castro Gil. Su vida, su obra, su arte, Edit.Aguilar, Madrid, 1948.
CHAMOSO LAMAS, M.: "Arte" en Galicia, Fundación March, Edit. Noguer., Barcelona, 1976.
"EL GRABADO en España (siglo XIX y XX)", Vol. XXXII, en Summa Artis, Espasa Calpe, Madrid, 1988.
PABLOS, F.: Pintores gallegos del Novecientos, Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 1981.
PANTORBA, B. de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes celebradas en España, Jesús Ramón García Rama Edit., Madrid, 1980.
VV. AA.: Un siglo de pintura gallega, 1880/1980, Museo Nacional de Bellas Artes, Buenos Aires, 1984.