CHEMA ALVARGONZÁLEZ
Alvargonzález, Chema
( Jerez de la Frontera, 1960 - Berlín, 2009 )
Biografía
Estuda pintura e multimedia na Escola Massana de Barcelona (1985-1988), e posteriormente completa a súa formación na prestixiosa Hochschule Der Künste de Berlín (1989-1994), onde realiza un máster de Belas Artes e Multimedia dirixido pola artista Rebecca Horn; desenvolve a súa carreira artística entre estas dúas cidades, e na capital alemá vive a transformación da cidade tras a caída do muro ─terá unha gran influencia na súa obra─. Realiza a súa primeira mostra individual no Castillo de Peñíscola (Valencia) en 1985, e participa na súa primeira colectiva en Berlín en 1991. Ao longo da súa traxectoria, expuxo a súa obra en España, Alemaña, Portugal, Perú, Reino Unido, Bélxica, Italia, Brasil, Estados Unidos, Panamá, Irlanda ou Nova Zelandia, e participou en feiras de arte contemporánea e certames como ARCO, PhotoEspaña, Art Forum Berlin e Art Cologne (Alemaña), Artissima (Italia) ou FIAC (Francia). En 2006 desenvolve a súa faceta artística no campo do mecenado e funda o proxecto GlogauAIR en Berlín, unha combinación de centro cultural e vivenda-taller para artistas internacionais no barrio de Kreuzberg, que tamén será o seu propio fogar e estudo. Obtén bolsas nos seus comezos artísticos tanto en Barcelona como en Berlín, e posteriormente importantes galardóns como o primeiro premio no 39th Salon de Montrouge (Francia), o Premio de Fomento ás Artes de Münster (Alemaña), ou a título póstumo a Cruz de Oficial da Orde do Mérito Civil en Berlín. Así mesmo, a súa obra figura en renombradas coleccións españolas como a do CGAC, MACBA, Fundación Mª Cristina Masaveu Peterson, Colección Circa XX - Pilar Citoler ou a de Artium.
Na súa obra de raíz conceptual, influenciada intensamente pola globalización e a tecnoloxía, a luz ─natural e artificial─, a palabra ─á que adoita conferir un carácter corpóreo─, a arquitectura, a cidade, a memoria, a ausencia, o transitorio e o papel do home na sociedade resultan fundamentais. A súa característica experimentación lumínica segue o ronsel de referentes como Dan Flavin ou Bruce Nauman, e a relevancia da palabra na súa produción evoca a poesía de Mallarmé. Cultiva diferentes disciplinas, principalmente a fotografía, a escultura, o vídeo e a instalación. Dentro deste último campo, destacan, entre outros, os traballos realizados na embaixada española en Berlín (1992), o Aeroporto de Munich (2000), a embaixada suíza en Berlín (2001), o Centro de Arte Contemporánea de Málaga (2003) e no edificio de Telefónica en Madrid durante a Noche en Blanco (2007).
Os seus soportes máis habituais e populares son as intervencións espaciais en edificacións, as instalacións con neones ─e en ocasións con son─ e as maletas abertas que albergan caixas de luz; esta última vía é a que emprega en óbra Cuatro puentes (2004), que integra Colección Afundación, na que combina a fotografía e a videoproyección. A obra forma parte dun proxecto no que mostra a súa particular visión da cidade de Vigo a través do retrato da paisaxe obreira con personaxes vinculados aos estaleiros. A maleta ou baúl é un elemento recorrente no seu imaxinario que contén esa idea da transitoriedade, de viaxe, de recordo, que nos traslada tanto a nivel físico como mental a suxestivos lugares, e cuxa tea de cartón ou coiro desgastado rezumante de melancolía contrasta coa modernidade e luminosidade das imaxes proxectadas; unha luz que ten na súa produción «unha gran importancia como punto de reflexión sobre o visible, o invisible e a idea da alma», nas súas propias palabras., e sobre a que realiza un estudo e investigación das súas innovacións para logo aplicalas nas súas impactantes obras.
Bibliografía
MEHR Licht, Ediciones Polígrafa, Barcelona, 2011.
VV. AA.: Diccionario de fotógrafos españoles. Del siglo XIX al XXI, La Fábrica, Madrid, 2013.