CIRIA
Ciria, José Manuel
( Manchester, Inglaterra, 3 de febrero de 1960 )
Biografía
Fillo de pais españois, José Manuel Ciria reside en Inglaterra ata que conta con oito anos; momento no que regresa a Madrid xunto coa súa familia. Mostra unha temperá facilidade para o debuxo e a pintura, e tras asistir a clases en varias escolas e nos obradoiros do Círculo de Belas Artes, matricúlase con dezasete anos na Facultade de Belas Artes de Madrid. Abandona os estudos en segundo curso e decide continuar a súa formación de maneira autodidacta. Realiza a súa primeira exposición individual na galería La Ferrière de París en 1984; desde entón inicia unha traxectoria caracterizada por unha destacada proxección internacional con numerosas exposicións individuais en países como Israel, Rusia, Polonia, México, Suíza, Arxentina ou Chile. En 1994 obtén a bolsa de París do Ministerio de Cultura e un ano despois a bolsa de Roma outorgada polo Ministerio de Asuntos Exteriores. No ano 2001 o Ministerio de Cultura e Ciencia de Israel concédelle unha bolsa para realizar dúas exposicións en museos de Tel Aviv. Foi galardoado con numerosos premios entre os que destacan o primeiro premio xurado internacional na II Trienal Internacional de Arte Gráfica do Cairo (1994), o primeiro premio no Premio Nacional de Gravado do Museo do Gravado Español Contemporáneo (2002) e o premio especial do xurado nos Premios New York Summit (2018). A súa obra atópase representada en destacadas coleccións de espazos de arte e institucións a escala mundial.
A súa primeira etapa pictórica vese marcada polo emprego dunha figuración de carácter expresionista, tras a cal, a comezos dos noventa, evoluciona cara a unha linguaxe abstracta na que establece un diálogo entre mancha e xeometría. O seu interese pola diversidade dos rexistros iconográficos, así como o seu afán investigador en canto a materiais e soportes, caracterizan a súa obra, organizada en numerosas series e cuxos principais temas xiran arredor do tempo e da memoria. En 2005 comeza unha nova etapa en Nova York que supón un punto de inflexión na súa produción, de arrefriamento pictórico, mediante unha volta ao debuxo e á liña como estrutura compositiva e o emprego dunha iconografía ambigua entre o figurativo e o abstracto. Na súa obra máis recente recupera e intensifica os dous extremos do seu vocabulario abstracto, pois a mancha vólvese máis libre, intensa e dramática, e a xeometría do fondo intensifica a súa precisión compositiva. Na actualidade vive a cabalo entre Madrid e Londres.
Na Colección Afundación figura unha obra pictórica do artista. A peza pertence á serie Gilgamesh (2005), na que Ciria realiza unha revisión da Epopeia de Gilgamesh, escrita en táboas de arxila pequenas nas que se pintaba cunha escritura cuneiforme contra os anos 2500-2000 a. C. —é a obra épica máis antiga coñecida—. Esta serie considérase o epílogo da súa etapa anterior á neoiorquina. Unha constante ao longo da súa traxectoria é o cuestionamento que formula verbo da fronteira entre o abstracto e o figurativo. Deste xeito, en formatos de enormes dimensións o artista adapta as súas manchas abstractas a diferentes momentos descritos no relato de tal maneira que consegue que vexamos a súa abstracción con outros ollos, e forza o espectador a realizar unha lectura figurativa onde só existe o abstracto. A mestura das dúas vías configura unha tensión dinámica unida á constante contraposición entre o xestual e o xeométrico. Esa dualidade inherente a Ciria atopámola tamén nos fortes contrastes da súa paleta cromática, pois destaca a súa característica cor vermella entre diferentes tonalidades neutras.