ELENA COLMEIRO
Colmeiro González, Elena
( Costela, Silleda, Pontevedra, 1932 - Madrid, 25 de febrero de 2021 )
Biografía
Formada na Escola Nacional de Cerámica de Bos Aires, a onde emigrou aos nove anos coa súa familia desde a localidade pontevedresa de Silleda cando escapaba da Guerra Civil española. Elena Colmeiro interesouse desde nova pola creación artesanal e artística. No centro amosouse crítica co academicismo, pero o seu director, Fernando Arranz, daríalle liberdade para desenvolver a súa capacidade creativa. Será en 1954 cando teña lugar a súa primeira mostra na Galería Müller con pezas de carácter figurativo.
Un ano máis tarde regresa a Galicia para continuar coa súa actividade artística e casa con Jesús Valverde, cuxa familia posúe fábricas de vidro, o que lle permitirá a Colmeiro utilizar as súas infraestruturas para producir as súas obras. Ao longo desta década, as súas creacións afastaranse da figuración, influídas pola observación dos crisois rotos, dos fragmentos de cerámica que vía nos obradoiros, o que o levará a investigar co esmalte e con materiais refractarios para abordar un informalismo que nos anos 60 se introducía con forza no panorama contemporáneo español. Este decenio supuxo un período de perfeccionamento da súa técnica e de recoñecemento a través de bolsas que lle facilitaron estancias académicas e prácticas en países como Holanda, Estados Unidos, Polonia ou Italia, así como de participación en exposicións a nivel nacional coma internacional.
As obras de Elena Colmeiro están presentes en diversos espazos públicos, así como en moitas coleccións privadas e institucionais e a súa asidua participación en mostras foi constante. Coa cerámica como referente, a súa produción enmárcase na escultura informalista, na que o espazo se converte nun elemento determinante para configurar os volumes das pezas que constrúe, ás que lles outorga a mesma importancia no interior ca no exterior. Para a artista constitúen un completo campo de investigación de seu ao poder modelalas, furalas, escavalas, baleiralas ou enchelas e aplicarlles diferentes elementos, provocando tensións nas formas abstractas ás que aplica esmaltes, vernices e cor que lle achegan textura ao resultado final. Incorpora ademais diversos materiais como ferros, cemento, madeiras ou arames.
Estas características aprécianse no par de obras desta colección. As dúas responden aos volumes abstractos que traballa Colmeiro, aos que lles aplica diferentes materiais e técnicas, e nos que o interior adquire tanta importancia coma o exterior. Outórgalle grande importancia ao espazo que conquistan as súas pezas.
Unha delas está datada en 1973 e presenta reducidas dimensións, características que encaixan con parte da produción que a autora realiza nesa década, onde abandona toda alusión utilitaria. A segunda das obras, datada en 1992, está realizada con carburo de silicio, un material de uso industrial empregado para a fabricación de compoñentes eléctricos, que comezou a usar a mediados dos anos 80 co que conseguiu superficies resistentes e lisas, incluíndo pintura, como se observa neste exemplo, coas que xogaba buscando as súas fragmentacións.
Os anos 1991 e 1992 son relevantes na carreira desta autora, xa que ten a oportunidade de realizar unha estancia investigadora no European Ceramics Work Centre de Holanda, onde proseguirá o seu traballo con materiais refractarios e co tratamento con óxido, este último presente na obra analizada. Así, as pezas deste período combinan diversos materiais e outórganlle especial relevancia ao carburo de silicio e ao óxido, que lle permitían unha maior expresividade e logran enriquecer a súa produción con cores, formas xeométricas e múltiples texturas.
Bibliografía
BONET CORREA, A.: Elena Colmeiro, Editorial Nacional, Serie de Cuadernos de Arte del Ateneo de Madrid, nº 94, Madrid, 1962.
CONSTRUÍNDO cos materiais. Elena Colmeiro, 1958-2016, Concello de Vigo, Rede de Museos, Casa das Artes, Vigo, 2019.
ELENA Colmeiro. Cerámicas, Concello de A Coruña, A Coruña, 1985.
ELENA Colmeiro, Ajuntament de Barcelona, Barcelona, 1986.
ELENA Colmeiro, Caixavigo, Vigo, 1993.
ELENA Colmeiro, Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1994.
ELENA Colmeiro, Caja de Ahorros de la Inmaculada, Zaragoza, 2004.
ELENA Colmeiro. Constructora no tempo, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, Santiago de Compostela, 2007.
ELENA Colmeiro. Sen título, Deputación de Pontevedra, Museo de Pontevedra, Pontevedra, 2014.