CORREA CORREDOIRA
Correa Corredoira, Xavier
( A Coruña, 4 de septiembre de 1952 )
Biografía
Personalidade multiforme, artista total, incapaz de se concretar a unha base de expresión, probou tódalas posibilidades imaxinables e aquelas que só el pode imaxinar. Empezou os estudios de Arquitectura, que abandonou para se dedicar por completo á arte. Aínda que asegura que é pintor, a forma corpórea, se ben nada convencional, mantívoo ocupado algún tempo. A súa primeira exposición, que realizou na súa cidade natal, data de 1975. Despois desta percorre toda Galicia. Alterna a escultura coa pintura de cabalete, o mural, o gravado, o obxecto plástico, nun eido que, é invención despois de decantar unha longa e ben meditada tradición. Incluso o tenta a cerámica, recibindo unha bolsa do centro de estudios de Sargadelos, ámbito de expresión das máis ambiciosas vocacións xoves de Galicia. Integrado no grupo Atlántica, participou nas mostras de Baiona, Compostela e Madrid,a partir de 1980. Unha bolsa do Ministerio de Cultura lévao a México, onde realiza augafortes. Este vehículo de expresión permítelle aquilata-lo seu debuxo, razoando un temperamento exultante, incapaz, habitualmente, de se suxeitar ás normas. A súa obra empeza a espallarse polo mundo e chega a museos coma o de Arte Contemporánea de Madrid, tódolos de Galicia e mais importantes coleccións institucionais. Non hai −sería imposible− un Correa Corredoira definible, senón moitos, tantos case coma etapas tivo a súa capacidade creadora, cambiante, sempre no ensaio de novas visións, doutros modos de transmiti-la súa sensibilidade. Mente agudísima, man dotada, é capaz de capta-lo movemento en poucos trazos, coma se se tratase dun postimpresionista ó modo de Toulouse-Lautrec, ou de ser recrear no aquilatamento dunha idea que parte do home, da soidade humana na sociedade contemporánea. Así prestou atención a mundos coma o boxeo, ou entregouse á denominada "arte pobre", pasando tamén polo expresionismo abstracto, de apariencia agresiva e, sen embargo, meditada, exquisito, cunha sensibilidade moi lírica. Se cadra Klee e Joan Pons latexen sempre na súa imaxinación desbordante. Ás veces dános, en aceiro recortado, siluetas humanas coma leccións de disección anatómica, ou figuras articuladas, coma móbiles moi peculiares nos que sempre palpita algo dramático, impresionante e ata admirable. Neste aspecto, foi moi importante a mostra que realizou na compostelá Casa da Parra en 1989. Cabe esperar aínda máis, moito máis de espírito tan dotado,sendo posible que se decante por unha neofiguración de alta carga abstractiva, porque Correa Corredoira non é estrictamente un pintor, senón un artista moi dotado, de ímpetu explosivo, ó que nada lle é alleo e todo canto ve, sente ou reflexiona, transfórmao en peculiar visión plástica, sorprendente, allea a calquera convencionalismo.
Bibliografía
CORREA Corredoira. Pintor por Italia, Baía, A Coruña, 2007.
CORREDOIRA, P.: Correa Corredoira. XYZ, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1989.
CORREA CORREDOIRA, X.: Os días adiados, Espiral Maior, A Coruña, 1998.
CORREA CORREDOIRA, X.: Cantar dos corpos, Baía, Vigo, 2017.
OS días debuxados, Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1994.
OS días gravados, Fundación Luís Seoane, A Coruña, 1999.
REI BALLESTEROS, A. A.: Correa Corredoira, Concello de A Coruña, A Coruña, 1999.