NACHO COSTA
Costa Beiro, Nacho
( Noia, A Coruña, 1953 )
Biografía
Membro dunha familia de artistas —os seus tres irmáns Alfonso, Pío e Alejandro, son tamén pintores—, asentouse inicialmente en Barcelona, onde cursou estudos na Escola de Artes Aplicadas. Saltou despois a Berlín, onde traballou cos grupos de arte Transvangarda. Deseñou escenografía de teatro, grava carpetas como Xentes e O Cabalo, e ilustra El Quijote e outros libros e realiza pinturas murais na súa cidade natal, onde tamén decora a bóveda do teatro, tarefa que estende á Confraría de Pescadores de Portosín, e aborda outros moitos proxectos, como a ornamentación de establecementos públicos, a creación de galerías de arte e a dirección de cursos de iniciación á pintura en diversas modalidades.
Conseguiu premios en numerosos certames, dende 1967, en toda Cataluña e Galicia, así como nas bienais do deporte, tema que cultivou asiduamente. As súas exposicións multiplicáronse, en Cataluña, Galicia, Alemaña. Está representado en diversos museos e na colección do Real Club Celta de Vigo.
Nacho Costa é un artista de considerable facilidade creativa, de tendencia post impresionista lindeira co expresionismo. Un paisaxismo recreador, de mancha ampla, case onírico, altérnao coa figura á primeira intención, debuxando directamente coa cor, dende unha pincelada rápida, nerviosa, delgada, de infinitas veladuras e transparencias dita como con urxencia, en enganosa fugacidade, posto que o tema está meditado e calculado.
Bibliografía
Pablos, Francisco: Arte no Deporte. Vigo. Fundación Celta de Vigo, 1999.
Artistas de Galicia. Guías Culturais. Compostela, Xunta de Galicia, 2003.