DARÍO VILLALBA
Villalba Flórez, Darío
( San Sebastián, 1939 - Madrid, 2018 )
Biografía
Nacido no seo dunha cosmopolita familia afeccionada á arte, pronto se traslada a Filadelfia debido á carreira diplomática do seu pai; alí descobre a patinaxe sobre xeo no que alcanzará grandes logros durante a súa mocidade. De regreso a España, inicia estudos de Dereito e Filosofía e Letras en Madrid a comezo dos cincuenta, que pronto abandona para estudar na Escola de Belas Artes de San Fernando e así mesmo asistir aos talleres de debuxo do Círculo de Belas Artes. En 1957 realiza a súa primeira exposición na Galería Alfil da capital española, e un ano despois pinta durante uns meses no taller do artista André Lhote en París. Así mesmo, recibe unha bolsa en 1962 para estudar no Departamento de Plástica da Universidade de Harvard; realiza exposicións en Estados Unidos. Cara a finais dos sesenta, durante as súas repetidas estancias en Londres, toma contacto coa fotografía urbana. Ao longo da súa traxectoria participou en multitude de exposicións individuais e tamén en importantes colectivas, certames e bienais a nivel internacional, entre as que cabe destacar a XXXV Bienal de Venecia (1970), VII Bienal de París (1971), XII Bienal de São Paulo (1973) ─na que obtén o Premio Internacional de Pintura e que supón a súa consagración─, XIII Bienal de Arte Gráfica de Liubliana (Iugoslavia, 1979), e en 2017 é seleccionado pola comisaria Emma Lavigne para participar na XIV Biennale de Lyon. Premio Nacional de Artes Plásticas (1983), membro numerario da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e Medalla ao Mérito nas Belas Artes (2002), a súa obra figura nas máis prestixiosas coleccións españolas e internacionais como a do MNCARS, IVAM, Fundación Juan March, Artium, Nasjonalmuseet de Oslo, Metropolitan Museum ou a do Guggenheim de Nova York.
Está considerado un dos máis relevantes artistas de finais do século XX, e pioneiro, xunto a Polke e Richter, no emprego da imaxe fotográfica como materia pictórica ─e viceversa─, pois afirma: «Na miña obra a pintura é fotografía e a fotografía é pintura». A súa condición de visionario, e o seu espírito anárquico e rebelde, lévanlle a afastarse do informalismo precedente, así como da arte conceptual e o pop art, cuxo contido consideraba vacuo, para desenvolver unha personalísima poética, na que as imaxes fotográficas actúan como soporte dunha pintura xestual, expresionista, que en ocasións combina coa colaxe, e cunha temática existencial centrada na morte, a dor, a enfermidade, o sexo, o exceso ou o sufrimento, que xorde dos seus intereses metafísicos. Asegura utilizar a fotografía «para alcanzar a alma nas miñas obras pictóricas, ao home, ao ser humano, ás veces nos seus estados máis marxinais, outras nos estados máis heroicos ou místicos». É en 1968 cando incorpora por primeira vez a técnica fotográfica ao seu traballo no proxecto Figuras encapsuladas ─en cápsulas de metacrilato─, do que forma parte a serie Encapsulados rosas, que lle reporta o seu primeiro gran éxito internacional e que Andy Warhol cualificou como pop soul.
Na intimista obra do singular creador vasco, BLANCO P-84, que figura na Colección Afundación, adivíñase unha imaxe fotográfica ─emprega imaxes realizadas por el mesmo ou obtidas de arquivos ou publicacións─ que descontextualiza, descompón, reestrutura, fragmenta... e que intervén con pintura, de tal modo que a expresiva, violenta e dramática composición resultante remite a unha colaxe, que apela ás nosas emocións, cos característicos negros, grises e brancos marfiles ─dominantes na súa produción─ dentro dunha gama cromática na que tamén se serve de rosas, azuis e ocres.
Bibliografía
BOZAL, V.: Arte del siglo XX en España: Pintura y escultura 1939-1990, Tomo 2, Espasa Calpe, Madrid, 1995.
TESTIGO documental: el poder de la imagen en Darío Villalba, Freijo Fine Art, Madrid, 2014.
VV. AA.: Diccionario de fotógrafos españoles. Del siglo XIX al XXI, La Fábrica, Madrid, 2013, p. 641.
VV. AA.: Diccionario de pintores y escultores españoles del siglo XX, Tomo 12, Forum Artis, Madrid, 1994, pp. 3752-3754.