A moi temperá idade comeza a pintar a súa contorna a beiras do Tajo. Cursa estudos na Escola Industrial de Vila Franca de Xira, e posteriormente ingresa na mariña de guerra portuguesa que lle leva a percorrer Europa, América, e África ─experiencias que influirán notablemente na súa obra─. Con dezaoito anos realiza a súa primeira mostra individual na súa localidade natal, á que lle seguen mostras colectivas en Portugal como o Salón de Primavera e o Salón de Outono de Estoril (1973). Entra en contacto con relevantes artistas portugueses, entre os que destaca Cruzeiro Seixas, un dos fundadores do Grupo Surrealista de Lisboa en 1947 con quen colaborará de maneira activa nos anos setenta e oitenta. Emigra a Sudáfrica, e sofre un accidente que provoca o seu regreso a Madrid, onde pinta intensamente para a madrileña Galería Detursa (1988-1989). A continuación, instálase de maneira definitiva en Ferrol, concretamente na contorna rural de Narón, xunto aos seus amigos e mecenas Álvaro e Divina ─asegura o autor que foron fundamentais na súa vida e carreira artística─, onde constrúen unha nave de grandes dimensións que alberga o estudo do artista; permítelle abordar a escultura. Ao longo da súa traxectoria participou en numerosas exposicións individuais e colectivas en España, Portugal, así como en Francia, Italia ou Brasil. Obtivo galardóns entre os que cabe destacar o premio adquisición no Certame Isaac Díaz Pardo (A Coruña, 1993 e 2004), premio BMW de Escultura da VIII Bienal Internacional de Vila Nova de Cerveira (1995) ou o primeiro premio de Escultura Cidade de Lugo (1997). Realizou importantes esculturas públicas en Galicia e Portugal, e a súa obra atópase representada en coleccións como a do CGAC, Unión Fenosa, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, ou a Colección Valdearte, entre outras.
Artista autodidacta e polifacético, de espírito viaxeiro, marcado polo surrealismo, nunha primeira etapa cultiva principalmente a pintura e o gravado, cunha gran influencia de Seixas, con quen realiza numerosos cadáveres exquisitos. Aínda que nunca abandona estas disciplinas, nos noventa focaliza a súa atención na escultura ─reportaralle o seu maior recoñecemento─ e atopa inspiración nas súas experiencias vitais, así como na natureza, a memoria e o mundo rural que lle rodea, para configurar a través de diversos materiais ─destaca o aceiro como material predilecto en diferentes tipoloxías, así como o granito para a escultura pública─ un imaxinario no que a metáfora resulta fundamental. O seu afán investigador levaralle a xogar co óxido do metal, así como coa simetría e a visión do espectador, a estilización e simplificación das súas figuras intensifícase, incorpora a resina, os espellos, a cor, os xogos lumínicos… dun modo coherente e progresivo dentro do seu persoal e onírico linguaxe plástico.
Na Colección Afundación figuran tres esculturas de aceiro, que remiten ao mundo animal e vexetal, e un bosquexo en branco e negro, datados nos anos noventa. El Boceto del passaro altivus (1993) resulta fundamental para comprender o seu proceso creativo a nivel escultórico, ao mesmo tempo que evidencia a súa habilidade para o debuxo ─outra das disciplinas que cultiva─, e a propia escultura en aceiro cortén presenta unha estilizada morfoloxía que convida a rodeala e nela xoga coas texturas e o seu característico sinal da execución manual. Pirula (1996) e Carocha (1997) pertencen a unha etapa na que simplifica as formas, potencia a simetría e, en concreto na segunda, deixa á vista os cordóns de soldadura que unen as diversas chapas de aceiro, recurso expresivo habitual no seu traballo.
BLANCO, CH.: “Manuel Patinha”, En Artistas Gallegos escultores. Expresionismos - Abstracciones, Nova Galicia Edicións, Vigo, 2003, pp. 350-381.
SARMIENTO, R.: Homensanimal, Villa Eranca de Xira, 1995.
VV.AA.: "La escultura actual en Galicia" en Galicia terra única, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1997. (Reproducida obra)
VV. AA.: Catálogo del patrimonio artístico de la Diputación de A Coruña II. Artes Plásticas (1990-2010). Tomo 2, Deputación da Coruña, A Coruña, 2011, pp. 494-500.
VV. AA.: Diccionario de pintores y escultores españoles del siglo XX. Tomo 11, Forum Artis, Madrid, 1994, p. 3189.
VV. AA.: Galicia Arte. Tomo XVI: Arte Contemporáneo, Hércules de Ediciones, A Coruña, 1999, pp. 360-361.