ALBERTO DATAS
Datas Panero, Alberto
( A Coruña, 27 de febrero de 1935 - Madrid, 11 de diciembre de 2007 )
Biografía
Nace na Coruña e a súa infancia transcorre nun ambiente de posguerra. Cando é aínda un neno, un atropelo de bicicleta e a tuberculose obrígano a permanecer un longo tempo na casa, e comeza a esborranchar, entre outras estampas, ilustracións de Van Gogh e Rembrandt, que espertan a súa conciencia artística. Inicia a súa formación na Escola de Artes e Oficios da cidade herculina na que impera un ambiente académico e rancio. En 1956 prosegue os seus estudos na Escola de San Fernando en Madrid —moi clásica e na cal se admiraba a artistas como Vázquez Díaz ou Pancho Cosío— e coñece a súa futura esposa, a tamén artista Estrella Medina. En 1961 consegue unha bolsa do Ministerio de Asuntos Exteriores para estudar en Venecia xunto ao muralista italiano Bruno Saetti; descobre outro xeito de pintar, así como a arte internacional, e Giacometti esperta nel un impulso expresionista. De 1965 a 1968 recibe unha bolsa de estudos da Academia de Belas Artes de Roma e aproveita para viaxar por diversos países europeos. En 1969 realiza a súa primeira exposición individual na galería Edaf de Madrid, á que lle seguen numerosas mostras tanto individuais coma colectivas en territorio nacional e estranxeiro. A partir dos oitenta vincúlase á Atlántica como referente para os seus novos fundadores e participa nas súas tres mostras.
Ao longo da súa prolífica traxectoria obtivo galardóns como o Premio Nacional Fin de Carreira (1961), a medalla de ouro “Cidade da Coruña” (1963) ou a medalla de bronce na IV Bienal de Alexandría (Exipto, 1965). Cabe destacar o seu labor como docente na Escola de Belas Artes de San Fernando e a cátedra de Pintura da Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense. A súa obra figura en museos galegos, nacionais e internacionais, ademais de coleccións particulares.
O afán investigador, a liberdade e a rebeldía definen a súa actitude na práctica artística, así como a descontinuidade da súa traxectoria. A condición humana, a natureza e a crise da nosa civilización compoñen o ideario na súa obra. Firme debuxante, o seu principal medio de expresión é a pintura —en especial o óleo— que combinará con outros medios como a colaxe ou o graffiti. Nos seus inicios explora unha pintura figurativa realista —aínda que rompe os esquemas establecidos— de corte intimista, e evoluciona cara a unha expresionista destrución das referencias formais cunha gran forza xestual e cun gran protagonismo da cor e da materia. Co tempo as súas composicións desestrutúranse cada vez máis e o caos adquire maior intensidade. As súas principais influencias son Bacon, Gorky, Basquiat e, sobre todo, Pollock e o expresionismo americano.
Na Colección Afundación achamos un nutrido grupo de cinco obras do artista. A máis temperá, Roupas (1973), pertence á etapa do “obxectualismo” pictórico na que reflicte a súa atracción polos obxectos —en particular, polos tecidos— como testemuña da nosa propia existencia. As dúas obras de 1979 encádranse nun período de transición no que Datas rompe as formas —neste caso rostros e figuras humanas— de tal maneira que as imaxes resultantes adquiren un carácter tráxico. Na pintura de 1980 compón unha tétrica figura feminina de estrutura aramada, filiforme, flotante no espazo. A influencia do action painting amósase con grande intensidade na obra máis tardía (1999), na que sobre un lenzo de grandes dimensións —o seu formato predilecto— representa unha persoal e colorada paisaxe habitada por suxestivos rostros; simula un auténtico campo de batalla.
Bibliografía
ALBERTO Datas, (1935-2007), Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales/Fundación Luis Seoane, A Coruña, 2009.
ALBERTO Datas, Deputación da Coruña, A Coruña, 2008.
CAMPOY, A. M.: Diccionario crítico del arte español contemporáneo, Ibérico Europea de Edic., Madrid, 1973.
CHAMOSO LAMAS, M.: Arte en Galicia, Edit. Noguer, Barcelona, 1976.
LENS, X. M.: Alberto Datas, pinturas sobre lienzo y papel, Galería Marisa Marimón, Ourense, 2001.
MON, F.: Pintura contemporánea en Galicia, Caixa Galicia, A Coruña, 1987.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.
PANTORBA, B. de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes, Madrid, 1980.
VANGARDAS e silencios (catálogo), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1988.
I e II MOSTRA Unión Fenosa, MACUF, A Coruña, 1989 e 1991.
VV. AA.: Un siglo de pintura gallega. 1880/1980, Museo Nacional de Bellas Artes, Buenos Aires, 1984.
VV. AA.: Alberto Datas, CGAC/Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1991.