DAVID MORAGO
Morago Caro, David
( Madrid, 1975 )
Biografía
Nacido no seo dunha familia vinculada ao universo artístico ─o seu pai é o pintor próximo ao realismo lírico Carlos Morago Fernández e o seu avó foi copista no Museo do Prado─, crece rodeado de debuxos e pinturas, e a unha temperá idade sente unha vocación artística. Licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, inicia a súa actividade expositiva na súa cidade natal en 1996, e desde entón expuxo a súa obra de maneira individual e tamén colectiva en principais cidades do territorio nacional como Madrid, Santander, Barcelona, Vigo ou A Coruña, e a nivel internacional en países como Francia, Grecia, Canadá ou Portugal. Así mesmo, participou en numerosas feiras de arte contemporánea en Barcelona, Madrid, Singapur, Malaisia, Estrasburgo, Ámsterdam, Montreal, Miami, Los Ángeles, San Francisco, Nova York ou O Porto. Ao longo da súa traxectoria gañou destacados premios, entre os que cabe destacar, entre outros, o primeiro premio no X Certame Nacional de Pintura no Parque del Buen Retiro (1998), primeiro premio no Certame Nacional de Pintura de Boadilla del Monte (1998), premio adquisición na LXXII Exposición Nacional de Artes Plásticas de Valdepeñas (2004), Premio Fundación Indas (2004), primeiro premio Ciudad de Alcázar (2012), e o primeiro premio no XXII Certame de Debuxo Gregorio Prieto (2013). A súa obra figura en destacadas coleccións institucionais, así como en numerosas coleccións privadas.
O seu traballo artístico rezuma nostalxia e intimismo, e está dominado polo silencio, a paciencia, o frío e certo aire romántico e onírico. A través do debuxo, a pintura, e tamén o gravado, mostra inquietudes e recordos procedentes da súa infancia. Deste xeito, a próxima relación do seu pai ─quen constitúe unha referente clave na súa linguaxe artística─ co director do Museo de Historia Natural de Madrid vese reflectida no seu gusto por retratar animais en solemnes poses e a escala case natural ─ten predilección polo formato monumental─, así como nas súas obras focalizadas na natureza, e a paisaxe, xénero fundamental na súa produción, na que tamén hai lugar para naturezas mortas de libros, cartafoles e papeis amontoados, que evocan para Morago tanto o estudo do seu proxenitor como o do seu avó. Combina no seu persoal poética, na que reflicte un gran dominio da cor, un virtuoso realismo cunha expresión moi próxima á abstracción, de tal modo que nos traslada a un persoal universo de acento evanescente no que se fusionan a imaxinación e a realidade cun carácter principalmente cotián.
Na Colección Afundación figura unha obra do autor madrileño na que retrata a un cabalo, animal recorrente no seu persoal bestiario, coa súa característica técnica mixta sobre soporte de madeira e nun formato de grandes dimensións. O corcel, situado sobre un diluído e etéreo chan e un indefinido fondo esbrancuxado, móstrase sereno, en tres cuartos, de costas, e coa cabeza virada en tres cuartos, de tal forma que a súa mirada diríxese ao espectador. A raza do cabalo, Appaloosa, de pelame moteado negro e branco, sérvelle ao artista para xogar con esas motas e plasmalas por toda a superficie pictórica en diversas cores e tamaños, de maneira que nos mergulla nun universo ilusorio que parte dun gran realismo en certas zonas do animal, principalmente na cabeza, que contrasta co carácter abstractivo doutros elementos, nunha suxestiva e enigmática composición.
Bibliografía
DAVID Morago: “Territorio”, Aurora Vigil-Escalera Galería De Arte, Gijón, 2015.