FEDERICO DE MADRAZO Y KUNTZ
Madrazo y Kuntz, Federico de
( Roma, Italia, 9 de febrero de 1815 - Madrid, 10 de junio de 1894 )
Biografía
Nace en Roma o 9 de febreiro de 1815, o máis ilustre da dinastía de artistas máis dilatada de España e poida que da historia da arte, que se inicia co seu pai, José, discípulo do galego Gregorio Ferro e amigo de David, de quen sería alumno Federico; irmán de varios artistas, arquitectos, pintores, críticos de arte, escultores; pai de pintores, sogro dun notabilísimo, Mariano Fortuny, e antecedente dos que van ata un onte moi próximo, como Mariano Fortuny y Madrazo, pintor, deseñador de modas, decorador, dandi cuxo palacio veneciano é aínda motivo de atracción internacional. A súa nai pertence a unha aristocrática familia alemá na que tamén hai destacados artistas. É o seu padriño o príncipe Federico de Sajonia.
Vén a Madrid cando conta catro anos e a súa precocidade intelectual permítelle asistir á famosa escola que dirixía o poeta Alberto Lista. A de pintor é tanta que aos quince anos xa realiza cadros de historia. Aos 17 pinta o famoso cadro de Fernando VII moribundo, atendido pola raíña María Cristina, que lle abre as portas da notoriedade e os honores, xa que ao ano seguinte é elixido académico de mérito de San Fernando, entidade que dirixiría anos máis tarde. Será primeiro pintor real e acumulará distincións españolas e estranxeiras, entre elas a lexión de honor francesa.
En 1832, trasládase a París, onde é alumno de Ingres, a quen retrata, como a tantos intelectuais españois, entre eles Larra, Carolina Coronado e Bretón de los Herreros. A coroa francesa encárgalle grandes lenzos para os salóns de Versalles. Regresa ocasionalmente a Madrid e en 1840 viaxa a Italia, onde se entusiasma pola estética nazarenista. Dous anos despois, retorna a Madrid para iniciar a que ha de ser a súa gran carreira como pintor, especialmente como retratista da familia real, da aristocracia e da intelixencia nacionais. Director do Museo do Prado en dúas etapas, desde 1860 a 1868 e de 1881 a 1894. É o árbitro absoluto da vida artística española, xurado e voto decisivo das exposicións nacionais de Belas Artes.
Cargado de gloria e cunha obra extensa, sobre todo retratos, dos que se catalogaron máis de seis centenares, falece en Madrid o 10 de xuño de 1891, cando se aproximaba aos oitenta años.
Federico de Madrazo foi un gran debuxante. Inicialmente adscrito ao máis estrito realismo, vai liberándose desa atadura, como esquece moi pronto o nazarenismo e ata a case obrigada pintura de historia da súa etapa inicial, para ser un pintor exacto, con modos vagamente románticos que nunca chegan á languidez dun Esquivel, por exemplo. Pola contra, nas súas figuras hai firmeza, agrado e unha indeclinable elegancia que o aproximan, máis que á pintura francesa, da que aprendeu tanto, á inglesa dos grandes retratistas insulares, aínda que quizais resulte un tanto esaxerado o cualificativo que se lle deu no seu tempo, e que chegou a ser tópico, do Van Dyck español.
A súa obra está no Casón do Retiro, anexo ao Prado, no Museo Romántico e en numerosos palacios e pinacotecas estranxeiras.