XOSÉ DÍAZ ARIAS
Díaz Arias de Castro, José
( A Coruña, 1949 )
Biografía
A elegancia e a exquisitez formal presiden todo o traballo deste artista, fillo do extraordinario Isaac Díaz Pardo. José Díaz-Xosé-posúe unha formación intelectual ampla, universitaria, que se reflecte en todo o que leva a súa sinatura. Cultivou a pintura moi ocasionalmente xa que no ambiente familiar se dedicou máis ó deseño, en especial o gráfico, que ten personalidade en libros, edicións e catálogos. Actualmente, está intregado nun grupo profesional denominado "Re- Visión" do que forman parte tamén Pepe Barro, Lía Santana e Xosé Salgado. Os traballos desta firma mereceron unha exposición no Design Museum de Londres, así como unha análise na revista italiana especializada "Línea gráfica", en 1990. A pintura de Xosé Díaz é informalista, cunha concepción vagamente xeométrica, por completo esquemática na súa composición e cunha paleta brillante e deliberadamente elemental. De valer por completo o termo "abstracto", no seu uso topificado, Díaz sería un abstracto razoante, equilibrado e sinóptico. Está representado en museos de Galicia. A súa obra gráfica acadou unha difusión internacional por logotipos coma o da "World Fishing Exhibition", de 1991 e os volumes de edicións xerais de Vigo.
Bibliografía
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.
VV. AA.: Tradición e diseño, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1991.