MARÍA XOSÉ DÍAZ
Díaz, María Xosé
( Catoria, Pontevedra, 1949 )
Biografía
Artista multifacética, xa que é pintora, escultora e aínda creadora de obxectos plásticos que participan de ámbalas expresións e as súas diversas posibilidades, xa que a eles incorpora o máis insólito, desde fibras e plásticos ata materiais de desfeito, que na súa tarefa cobran unha nova realidade e suxiren mundos inéditos, aínda que sexan identificables e específicos. Cursou a carreira de Belas Artes en Barcelona. A súa exposición inicial data de 1980, en San Cugat, Barcelona. Posteriormente expuxo en Compostela, Vilagarcía, Madrid, Vigo, Ferrol e A Coruña. Unha mostra notable foi a realizada en 1997 en Pontevedra, xa que constituíu un panorama do seu universo plástico, aparentemente reiterado e, sen embargo, con infinitas variacións. Colectivamente, a súa obra puido ser contemplada en numerosas cidades de toda España, entre elas a segunda Bienal de Artistas Galegas, de 1990, en Vigo, Novos Valores da Expo de Sevilla, en 1992, e a terceira Mostra Unión FENOSA, na Coruña, 1993. Está representada no Museo de Cerámica de Barcelona, Xunta de Galicia, Auditorio de Galicia en Compostela e outras coleccións institucionais. A arte de María Xosé Díaz é emotiva, fonda, pero non espectacular. Os seus obxectos mostránse en gamas neutras, a partir de xogos constantes coa xeometría, sexa plana ou espacial, de maneira que polígonos e poliedros reciben elementos complementarios ou inscríbense en superficies ideais. Mínimas referencias, suxeridas, conforman xadrezados ou semellan fanais no que as liñas ascedentes constitúen toda referencia. A materia transparente prégase, aréstase, como en xogos de papiroflexia, ou suxire fosilizacións vexetais, vaguidades intanxibles, abigarramentos a modo de texturas graníticas, tecidos de alusión popular, celosías entrevistas. Expresións, en fin, eminentemente abstractivas, con evidente parentesco coa espiritualidade oriental, que esta artista debe coñecer e amar e sobre a que reflexionou profundamente. Plástica do silencio, da entoación axordada, do común e desprezable perpetuado pola gracia, a maxia dunha mente por completo creadora. Todo é concreto e, non obstante, en nada se refire ó habitual e cotián, porque o utilizado se transforma, renace e se renova. O espectador contempla expresións dunha simplicidade absoluta ás que a artista carga de espiritualidade, de maneira que inviten á recreación desde a suxerencia. Cada peza de María Xosé Díaz é o que é e o que obriga a supoñer, a pensar, a meditar qué é, e nunca hai un elemento estrictamente icónico. Podería así suporse que é limitada, cando en realidade é variadísima, coa beleza inmensa da música de violoncello, que acaricia a mente tanto máis có oído. Un dos novos valores da plástica galega máis persoais, innovadores, capaz de absorber mil tendencias e facelas súas, porque a súa arrolladora personalidade de artista se impón. É a poética inefable do infinitamente secundario.
Bibliografía
-González-Alegre, Alberto: “Texto en catálogo”. Pontevedra, 1997 -III Mostra Unión FENOSA. A Coruña, 1993.