PALAZÓN
Domínguez Palazón, Óscar
( Santa Cruz de Tenerife 1906 - París 1957 )
Biografía
Personalidade estraña, cambiante, con inmenso espírito imaxinativo e creador, peculiar ata no físico, pois era acromegálico, a súa vida é unha constante aventura que conclúe traxicamente, co suicidio, antes de que a súa obra alcanzase o aprecio internacional que agora ten.
Fillo dun exportador de plátanos, de boa posición económica, viaxa a París en 1929 e, loxicamente, identifícase co surrealismo, no que inicialmente se atoparía tan acomodada a súa extravagante personalidade. Dalí e Max Ernst inflúeno. Sen problemas de diñeiro, vive unha bohemia de conveniencia ata que a ruptura coa súa familia o leva de cheo á pobreza e, finalmente, case á miseria, ata o punto de que subsiste de falsificar cadros do seu amigo Picasso, o que o mestre malagueño tolera e remedia destruíndoos.
Retornou a Canarias en 1933 e organizou a primeira exposición surrealista, na que implica críticos notables, como Westerdahl. Canario será o máis importante grupo español deste movemento.
Constrúe obxectos surrealistas, ao modo de Man Ray. A súa estética pasa por moi diferentes estilos, dende o construtivismo ata as soidades ao Chirico. Anticípase a «ismos» fugaces ou, simplemente, mimetízase con eles en canto aparecen. Así, é pai do «feísmo» que cultivará maxistralmente Luís Fernández ou dos ritmos en curvas que caracterizarán a José Caballero e a Eugenio Granell.
Con intermitencias, segue producindo obra na década que sucede ao final da guerra mundial, ata que a súa enfermidade constitutiva chega a danarlle seriamente o cerebro e ponlle fin á súa vida o último día do ano cincuenta e sete.
A obra de Domínguez está hoxe moi buscada e constitúe orgullo de museos e grandes coleccións en todo o mundo. Aínda que desigual, inclusive tecnicamente, hai sempre nela o sopro indeclinable da xenialidade.
Bibliografía
-Xuriguera, Gerard: Pintores españoles de la Escuela de París.
Madrid, Ibérico Europea de Edic. 1974.
-Campoy, A. M.: Diccionario crítico del arte español contemporáneo.
Madrid, Ibérico Europea de Edic, 1973.
-Gaya Nuño, J. A.: La pintura española del siglo XX.
Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1970.
-Diccionario Larousse de la pintura. Vol. 1.
Barcelona, Planeta-Agostini, 1987.
-W.AA.: Dcicionario de pintores y escultores españoles del siglo XX. Vol. IV.
Forum Arcis, 1994.