MENCA ESTÉVEZ
Estévez Salgueiro, María del Carmen
( Vigo, 1969 )
Biografía
Menca Estévez criouse nunha familia na que se fomentou a formación artística, principalmente plástica e musical, entre todas as irmás. Tras licenciarse en Belas Artes en Salamanca, obtería o doutoramento na Universidade de Vigo cunha tese sobre o artista vigués Fernando Casás. Posteriormente, completaría os seus estudos con cursos en distintas universidades españolas.
A obra desta autora pódese contemplar en diversas coleccións como a da Xunta de Galicia, a do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada (A Coruña) ou a da Universidade de Vigo, entre outras institucións. Desde os comezos da súa carreira expuxo en diversas mostras a nivel colectivo e individual, principalmente en cidades galegas.
Esta autora desenvolve un estilo informalista de xeito que se interesa polo comportamento das diferentes materias que emprega no resultado final das obras e lle outorga grande importancia ás texturas, que moitas veces recordan a paredes escachadas. Nesta colección hai dúas obras de Estévez, tituladas II e Amarelo, tres cadrados e azul, datadas a mediados da década dos anos 90. Na primeira representa no centro da composición tres círculos concatenados realizados mediante brochadas rudas que lembran símbolos primitivos de maneira que lle outorga grande importancia á materia e ao resultado rugoso, case táctil.
Na segunda obra divide a composición en franxas horizontais o que proporciona unha división xeométrica en campos de cor contrastados como son o azul intenso da parte inferior, coa sucesión de cadrados ocres e negros da franxa intermedia, para pechar na parte superior cunha franxa nun ton amarelo. Nesta ocasión tamén xoga cos diferentes acabados, con zonas máis pulidas que contrastan con outras máis matéricas.
Bibliografía
III Salón de Arte Xove de Ourense. Ourense, 1994.
Arte Xoven Galega. Antolóxica 1978-1998. Casa das Artes. Vigo, 1998.
Pablos, Francisco: A arte galega na colección Caixavigo. Séculos XIX e XX. Estación Marítima. A Coruña, 1997.