MANUEL FACAL
Facal Ponte, Manuel
( Carballo, A Coruña, 1943 - 6 de abril de 2024 )
Biografía
De personalidade inqueda, espírito inesgotablemente investigador, artista, en fin, sempre na máis estricta vangarda, aínda que a súa traxectoria creativa estea moi lonxe da linealidade, nin sequera na materia de expresión, xa que cultivou Manuel Facal Ponte diversos modos ata destacar, sobre todo, como gravador. Hai nel uns inicios eminentemente dedicados ó debuxo, con inspiración en mestres tan diversos coma Picasso, Dalí ou o galego Urbano Lugrís. Achégase a tendencias máis convencionais un breve espacio de tempo en que se vencella a Vigo. A mediados da década dos sesenta trasládase a Barcelona, decidido a concluír estudios ben alleos á creación artística, entregándose a parcelas relacionadas co deseño gráfico e téxtil. A súa dedicación ó gravado empeza durante a súa estancia en Londres, alá polos setenta. A arxentina Carmen García constitúe o seu maxisterio técnico. Interésalle a textura, a morfoloxía dos materiais, aínda que esteticamente xa entrou no máis absoluto informalismo. O seu afán viaxeiro e o seu desexo de coñecer mundos lévano a Grecia, Turquía e Italia. Cultiva un cinetismo emparentable con Vassarelly e o levantino Sempere, exacto, xeométrico, case mecánico. Coñece Nova York, onde afonda en novos modos de expresión, saltando ó norte de Europa para ensaiar, tamén, as representacións animalísticas, sempre moi abstractivas. O seu dominio das técnicas do gravado lévano a realizar obra para grandes artistas, entre eles Miró; tamén ensaia a pintura de grande materia, por completo afastada da representación formal. E como en ningún momento estivo distanciado espiritualmente de Galicia, xorden as súas excelentes carpetas de gravados sobre Rosalía, Cunqueiro e outros escritores galegos que constitúen un éxito entre os contados coleccionistas do noso país. O movemento aglutinado por "Atlántica" nos anos oitenta proxecta a súa persoal visión da arte, que deriva cara a modos "pobres" da aspilleira, o cartón e o "collage" de considerable relevo. Non abandona a estampación e un dos traballos máis notables é a serie de augafortes titulada "Las cenizas del amor", sobre textos de grandes poetas españois. Decide sentir Galicia na distancia e instálase nunha aldea da serra malagueña en 1987, aínda que as súas viaxes a Galicia son frecuentes, alternándoas coas súas habituais escapadas internacionais. As súas exposicións sucedéronse en todo o mundo: Nova York, Londres, Porto Rico, Noruega, Galicia e Sudamérica e con presencia en importantísimas colectivas de pinturas e, sobre todo, de gravado. Está representado en museos de Galicia, Centro e Sudamérica, Estados Unidos, España, Países Escandinavos e Portugal. Mantén múltiples influencias, aínda que sempre sobresae a súa personalidade agresiva e asemade lírica, en ideacións nas que sobre fondos sen referencia formal se inscriben textos ou semellan desconchaduras de muros, vagamente emparentables co mestre Tàpies, se ben hai sempre, ó cabo, unha carga dinámica e emotiva na obra deste grande artista.
Bibliografía
VV. AA.: O proceso abstracto. Santiago, Consorcio da Cidade de Compostela, 1993.
I Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1989.