ANTÓN FAÍLDE
Faílde Gago, Antón
( Ourense, 1907 - 1979 )
Biografía
A súa infancia transcorrerá en Piñor, nas terras de Ourense; é, nese contexto, no que se iniciará no oficio de canteiro, o que influirá nun modo determinado de traballar, formación que vería ampliada cos seus estudos na Escola de Artes e Oficios de Ourense. Xa contra 1926 conta cun obradoiro propio. A súa obra vai entroncarse no popular —cruceiros, nenos, maternidades…—, traballando en materiais varios —pedra, madeira, mármore, bronce—, coa ollada posta no medieval, fundamentalmente, o Románico, e baseando o seu exercicio nunha linguaxe que transita entre o gusto polo primitivo e polo expresionista. Entre os anos 1940 e 1956 será profesor de modelado e baleirado na Escola de Artes e Oficios de Ourense; é, daquela, un recoñecido mestre, especialista da talla directa, basicamente en pedra.
Os anos que transcorren entre 1950 e 1960 considéranse decisivos na súa obra; é este o tempo en que presenta importantes exposicións: Vigo (1950), Madrid (1953), Barcelona (1955)... Tamén realiza obras monumentais como o cruceiro do pazo de San Xosé de Vista Alegre (Tui, 1957). Púxose en valor o seu aquel de tratar, por entón, o figurativo, cunha certa intencionalidade simbólica e cunha valoración do inacabado. En 1953 afirma que «Ahora es cuando empiezo; ahora es cuando ya siento que de verdad hago algo y cuando espero de verdad hacer mucho más». Díxose da súa obra, realizada nestas datas, que reflicte tenrura e relixiosidade; unhas veces, expresada en vulto redondo e, outras, en relevo.
A consolidación dunha linguaxe propia encádrase, desde o criterio de M. Victoria Carballo-Calero, entre 1960 e 1968, un período que se abre coa súa exposición na Sala da Dirección Xeral de Belas Artes en Madrid e da que derivarán as múltiples encargas que desenvolverá para o Instituto Nacional de Colonización. Será en 1965 cando leve a cabo o monumento ao gaiteiro en Ribadeo, obra proxectada en 1964; na súa escultura faise máis reducionista no formal, algo que non exclúe o mantemento desas claves persoais que enraízan o seu facer no popular, o primitivo, cun gusto evidente por formulacións simples, inmersas nun certo simbolismo aplicado a formas moitas veces voluminosas e redondeadas. Coa exposición realizada en Madrid no ano 1968 cabe pechar este período; daquela mostra, dise, que na obra de Failde primaba, especialmente, o sentimento. A súa última década, 1969-1979, ocúpaa atendendo, fundamentalmente, as encargas nas que perpetúa o proceso de depuración formal xa prefixado.
Esta colección de Afundación contén Maternidade de 1950, un tema que será moi característico na súa produción. Hai, ademais, Moza sentada (1975), Neno sentado (1976) e Muller pensando (1977), nos que expresa o seu amor polo nu e por unha figuración simple e de formas redondeadas.
José Manuel García Iglesias
Bibliografía
AGUILERA CERNI, V.: Panorama del nuevo arte español, Edic. Guadarrama, Madrid, 1966.
CARBALLO-CALERO RAMOS, Mª V.: Antonio Failde, Deputación Provincial, Ourense, 1986.
PABLOS, F.: Failde, Caixavigo, Vigo, 1986.
SUEVOS, J.: Antonio Failde, Dirección General de Bellas Artes, Madrid, 1960.
TRABAZO, L.: A. Failde, Ministerio de Educación y Ciencia, Madrid, 1970.
TRABAZO, L.: Piedra, barro, bronce en tres escultores gallegos, Deputación Provincial, Ourense, 1978.