FARRERAS
Farreras Ricart, Francisco
( Barcelona, 7 de septiembre de 1927 )
Biografía
Trasládase a Murcia xunto á súa familia en 1940, onde segue o ditado da súa temperá vocación e asiste a clases con Antonio Gómez Cano. Un ano despois marcha a Santa Cruz de Tenerife e prosegue a súa formación artística na Escola de Artes e Oficios con Mariano de Cossío. En 1943 establécese en Madrid e un ano máis tarde ingresa na Escola de Belas Artes de San Fernando, onde é discípulo de Daniel Vázquez Díaz e Ramón Stolz. En 1952 realiza a súa primeira mostra individual na galería Biosca de Madrid, e ao ano seguinte, cunha bolsa do Instituto Francés, trasládase a París durante 1953 e 1954. A partir deste momento participa en múltiples exposicións en España e no estranxeiro. Cómpre destacar as Bienais de Venecia de 1958 e 1960, a exposición no MOMA ese mesmo ano e a exposición na Tate Gallery en 1962. En 1963 fixa a súa residencia en Nova York, onde leva a cabo un mural-colaxe para o Pavillón Español na Feira Mundial de Nova York. Inicia a súa relación coa Galería Bertha Schaefer e coa Galería Juana Mordó, nas que expón en numerosas ocasións. Regresa a Madrid en 1966, onde se instala de maneira definitiva ata a actualidade. A súa obra forma parte de destacadas coleccións como a do MNCARS, Fundación Juan March, Atheneum Museum (Helsinki), Musée National d'Art Moderne (París), The Museum of Modern Art (Nova York), The National Museum of Modern Art (Tokyo) ou a de The Salomon R. Guggenheim Museum (Nova York).
Artista cun continuo afán investigador, nunha primeira etapa a súa pintura inscríbese dentro dunha figuración xeometrizada de influencia cubista. Durante a súa estancia en París evoluciona cara á abstracción xeométrica, nun primeiro momento, e paulatinamente cara ao informalismo. Contra finais dos cincuenta e durante os sesenta experimenta coas posibilidades plásticas do papel de seda matizado con diferentes tipos de pintura, como óleo, témpera ou cera; a colaxe convértese na súa técnica predilecta. A finais dos sesenta a súa gama cromática aclárase e aparecen elementos de carácter figurativo procedentes de anacos de carteis e outros papeis impresos, e nos setenta amplía o tamaño das súas obras. En 1982 realiza un mural-colaxe no aeroporto de Madrid-Barajas que supoñerá un cambio substancial no seu traballo, pois abandona as superficies planas e inicia unha etapa nova con obras volumétricas que denomina “coudrages”, realizadas con contrachapado reenchido de caucho natural ou sintético e cuberto de tea cosida. A partir de 1988 dedícase de maneira exclusiva aos relevos de madeira, obtida de lugares destinados ao desmantelamento de vehículos e máquinas e refugallos. Contra o ano 2004 comeza a traballar sobre superficies case planas con novos materiais e cunha clara intención sintética.
Na Colección Afundación achamos tres obras representativas das súas grandes etapas creativas. En Colaxe 730, pódese apreciar o predominio na composición das formas orgánicas, o sutil tratamento dos materiais, e un uso da cor moi medido. Relevo 118-A pertence á etapa na que dá o salto ao volume físico coas “coudrages” de madeira e tea cosida. Unha delicada peza case monocroma que presenta un interesante xogo de volumes, texturas e materiais. Relevo 494 A, exemplifica a “poesía lígnea” que menciona Alfonso de la Torre ao falar da súa obra. É un colosal relevo en madeiras de distintas texturas ensambladas onde as sombras emerxen dos volumes e do tratamento das madeiras ao óleo. En todas sobresae a orde, a sobriedade, o xogo coas texturas, o refinamento formal e a expresividade inherentes á súa produción.