RAINIERO FERNÁNDEZ
Fernández Calvo, Raniero
( Vigo, 1909 - 1999 )
Biografía
Fonda pegada deixou na cidade na que transcorreu a súa vida a súa acusada personalidade e o seu espírito emprendedor, reflectido en numerosas actividades. Nacido en Vigo, en 1909, estivo sempre vencellado ó negocio familiar de xoiería e ourivería, creado polo seu pai e emblématico na rúa do Príncipe da urbe Atlántica, o establecemento de portada modernista de Ramón Fernández. Culto, sensible, xeneroso, apoiou iniciativas diversas de carácter empresarial, benéfico e artístico. E ó seu decidido apoio e entusiasmo débese a fundación da Agrupación Fotográfica, en 1953, viveiro de tanto artistas de cámara, que fomentou concursos e exposicións e ampliou as súas actividades ó cine, das que xurdiría o primeiro Cine Club da cidade, que el predidiu durante moitos anos. Numerosos son os acontecementos que rexistrou a súa cámara, e a súa afección ó mar invitouno a que este ámbito fora constantemente motivo dos seus traballos, que recibiron premios con frecuencia. Con Pedro Rica editou en 1965 un dos primeiros álbumes sobre a súa cidade, que titulou "Vigo, Puerta del Atlántico" , paisaxístico, humano, testemuñal. Viaxeiro infatigable, captou imaxes de lugares monumentais e exóticos, aínda que sempre manifestou o seu máximo cariño por Galicia, e as súas profundas convinccións relixiosas levárono a vivir intensamente, desde o seu espírito e coas cámaras, a inagotable beleza de Santiago de Compostela. Finou o 7 de outubro de 1999, deixando unha estela perdurable de elegancia, disrcreción, xenerosa amizade e ampla obra, recollida tamén en volumes colectivos e no monográfico que lle dedicou o Centro de Estudios Fotográficos en 1996. A obra de Raniero Fernández está tocada dun indefinible encanto que, á fin, se apodera da súa intención primordialmente testemuñal, imprescindible para coñecer Galicia, e en concreto Vigo, a partir dos anos en que media o século que xa finalizou. O mar, fonte de vida viguesa, soubo velo nas súas múltiples tarefas, nos seus homes do Berbés, da lonxa da descarga do peixe; de paseantes ante a baía ou de simples miróns e despreocupados pescadores de cana, indiferentes ó intenso trafego da emigración a Suramérica nos tempos que xa aludimos. Todo o aparentemente menor interesoulle, e a todo, po elemental que fose, soubo imprimirlle o seu toque persoal de elegancia, que o levou ata romarías e festas aldeanas. Foi pioneiro en rexistrar hórreos, muíños, curros de cabalos salvaxes, feiras de gando e todo canto supuxo que tendía a desaparecer nun país que, aínda lentamente, cambiaba ó progresar.
Bibliografía
Vigo, Puerta del Atlántico. Álbum. Vigo. 1965. Raniero Fernández. Álbum. Vigo. Centro de Estudios Fotográficos. 1996. Fotobienal. Vigo, varias convocatorias desde 1988. Sendón, Manuel: Imaxes na Penumbra. A fotografía afeccionada en Galicia (1950 - 1965). Vigo. Edicións Xerais, 1998 Sendón, Manuel y Suárez Canal, Xosé Luis: En Galiza nos 50. As agrupacións fotográfias. Vigo, concello. 1990