ARTURO FERNÁNDEZ CERSA
Fernández Cersa, Arturo
( A Coruña, 1866 - 1937 )
Biografía
Arturo Fernández Cersa trasladaríase desde A Coruña a Madrid para formarse na Academia de Belas Artes de San Fernando. Tras o seu período de estudos, que compaxinou coa súa afección ao piano, decidirá establecer o seu Obradoiro na capital e manterá unha presenza activa en círculos intelectuais.
Ao longo da súa carreira tivo a oportunidade de viaxar por diversos países europeos, chegando a ser mestre de pintura do rei Carlos I de Portugal, polo que a súa obra está representada en diversas institucións a nivel internacional. Así mesmo, participou en numerosas exposicións, ademais de concorrer a certames oficiais.
De formación clásica, a súa produción responde tamén a estes canons, decantándose polo emprego das técnicas do óleo e da acuarela. Traballou principalmente os xéneros de composición, retrato, polo que foi moi reclamado entre a súa clientela, e paisaxe. Resultou influído neste último polo realismo de Carlos de Haes. Precisamente a este último xénero, o paisaxístico, pertencen as catro obras pertencentes á colección de Afundación. A titulada Paisaxe foi realizada en 1900 e nela recrea a vista dun val onde os intensos tons verdes dos primeiros planos se degradan mesturándose con grises nas montañas altas que serven como fondo, sobre as cales se abate un ceo plúmbeo.
Serán os grises os protagonistas das tres obras restantes, datadas en 1923, ano no que celebrou unha destacada exposición na súa Coruña natal. En Confurco destaca en primeiro plano a presenza dun grupo de vacas que avanza cara ao espectador achegándolle dinamismo á escena, que se resolve nunha sucesión de planos de vexetación e montañas, en degradación cromática cara ao fondo de xeito que se consegue sensación de profundidade.
As obras Praia e Ría volven ter como protagonista cromática a gama dos grises, que Cersa traballa en múltiples matices nas masas de auga e nubes. Recrea dúas paisaxes típicas da costa galega, marcando perfectamente a sucesión de planos que lles dan perspectiva ás composicións, xogando coa alternancia e sucesión de vexetación, auga e ceo. As árbores en primeiro plano ou medio facilitan as transicións e dirixen a ollada do espectador. Así mesmo, en Ría e Paisaxe amosa o seu interese polos empastes, o que lles achega textura ás obras.
Bibliografía
COUSELO BOUZAS, J.: La pintura gallega, Porto y Cía, A Coruña, 1950.
SOBRINO MANZANARES Mª L. y LIANO PEREIRA, Mª D.: Catálogo do patrimonio artístico da Deputación da Coruña, A Coruña, Diputación, 199, Vol. I.
GRAN Enciclopedia Gallega, Tomo 12, Silverio Cañada, edit, Gijón, 1973.