ALMUDENA FERNÁNDEZ FARIÑA
Fernández Fariña, Almudena
( Vigo, 1970 )
Biografía
Cursou a carreira de Belas Artes na facultade de Pontevedra, pola que se licenciou, para inicia-lo doutoramento na de Salamanca. Seguiu outros cursos monográficos complementarios e asistiu a talleres importantes, como os que dirixiron Hernández Pijuán en Santander e Rafael Canogar na Coruña, no ano 1995. Foi bolseira do programa Erasmus e obtivo premios en certames diversos de Galicia. Foi seleccionada na IV Mostra Unión Fenosa, 1995. Comezou a amosa-la súa obra en colectivas en 1991, con premio na de Novos Valores de Pontevedra, en 1994 e, en Tui, en 1995. Figura, entre outras coleccións, na do Concello de Tui e na da Fundación Cajamadrid. A pintura de Almudena Fernández Fariña é de concepción abstractiva, aínda que con referencias formais, se ben moi diluídas. O seu paisaxismo é máis conceptual ca referenciado, onirista e sen dúbida con forte carga lírica. Unha paleta quente e sobria ó tempo que lle permite expresarse, con mancha ampla e materia leve, case diluída, en carmíns, sienas, ocres, coma se fosen tinturas que se desfán nun ambiente líquido. O resultado, dentro dunha buscada e conseguida sobriedade, é altamente imaxinativo, de beleza recatada, máis captable. Hai sen dúbida nesta artista un gran temperamento creativo que permite augurar da súa obra un camiño firme.
Bibliografía
IV MOSTRA Unión Fenosa, MACUF, A Coruña, 1995.
30 AÑOS en el 2000. Artistas gallegos para un cambio de milenio, Santiago de Compostela, 1994.
ARTE e Solidaridade, Vigo, 1995.