FREIXANES
Fernández Freixanes, José María
( Pontevedra, 1953 )
Biografía
José Freixanes vive o ambiente artístico desde a súa máis temperá infancia. Fórmase na Facultade de Belas Artes de Bilbao e posteriormente na de Madrid, cidade onde establece a súa residencia a mediados dos anos oitenta. A súa formación verase complementada polas numerosas viaxes que realizará por Europa, África e India. Únese a Atlántica, e participa nas exposicións de Baiona, Santiago e Madrid, onde se dá a coñecer. Con corenta e dous anos comeza o seu labor docente na Facultade de Belas Artes de Granada. Entre 1994 e 1996 ilustra en La Voz de Galicia e a partir do 96 en El Correo Gallego. Realizou murais en institucións galegas e participou en numerosas mostras, entre as que cabe destacar a do Pavillón de Galicia na Expo’92. Tamén expuxo en galerías de París e Viena a título individual e a súa obra forma parte de coleccións como a do MNCARS, Chase Manhattan Bank, Banco de España, Unión da Banca Suíza, CGAC, Caja Madrid ou a da Xunta de Galicia.
A súa persoal linguaxe artística de alto contido conceptual móvese entre a abstracción e a figuración marcada por un carácter antropolóxico e primitivista, no que as viaxes, a memoria e a historia teñen un papel primordial. Nos seus inicios destaca a influencia expresionista nunha pintura moi matérica cunha figuración charramangueira. A partir dos oitenta evoluciona cara ao onírico e ao simbólico; déixase seducir polo fauvismo con cores vibrantes e luminosas e cunha pincelada líquida e dilatada. A principios dos noventa nas súas obras translócese ese “nomadismo evasivo” —en palabras do propio Freixanes— que invita o espectador a emprender a súa propia viaxe; son pezas froito dun proceso de depuración formal e cromática con tonalidades neutras. En 1995 descobre a súa paixón pola India que se verá reflectida na súa produción. Nos últimos tempos foi incorporando materiais perecedoiros á súa obra; incorpora o efémero ao seu discurso artístico.
Sete obras do artista forman parte da Colección Afundación. Na máis temperá, Derriba (1973), xoga con elementos contrarios, sobre un fondo xeométrico organizado arredor dunhas liñas perpendiculares sitúa un bloque, que parece de aceiro corten e está sendo violentamente succionado por unha masa pictórica movediza situada en primeiro termo. En Gremios (1988) combina a pintura máis diluída con outra moi matérica, o debuxo é moi esquemático e simbólico, e a gama cromática neutra; igual ca en Mapa dunha illa con dúas torres (1990), na que se aproxima máis á abstracción e reflicte a súa paixón polos mapas. En Mascarada (1994), a través dunha serie de símbolos que remiten ao mundo africano, invítanos a reflexionar sobre a problemática da gran fame. En A noiva “Divali” (2001) India toma protagonismo; sérvese do simbolismo das cores, así como da insinuación, e dun virtuosismo técnico que simula unha filigrana. Chuvia (2001), de novo realizada cunha meticulosidade case artesanal sorprendente, recorda unha estampa xaponesa; un ser anónimo loita por acubillarse da insistente chuvia de tal modo que simboliza o conflito entre ser humano e natureza. En Minguante (2005), de formato díptico, representa un infinito deserto de noite unicamente habitado por unha lúa nun extremo e unha solitaria figura no outro extremo; a figura humana desocupa a centralidade da obra. É unha obra moi meditada, esquemática, co debuxo como protagonista, que invita á reflexión verbo do paso do tempo.
Bibliografía
SEOANE, X.: Identidade e convulsión, Edic. do Castro, Carnoedo, Sada, 1990.
CASTRO, A.: Freixanes, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 1992.
CASTRO, A.: Expresión Atlántica, Follas Novas, Santiago de Compostela, 1984.