X. MAGALHÃES
Fernández Contente-Magalhaes, Francisco Xavier
( Pontevedra, 1953 )
Biografía
Durante a infancia de Xavier Magalhães, a súa familia inculcoulle o interese pola creación plástica e pola literatura. Aínda que se considera autodidacta, poderíase dicir que as súas primeiras nocións artísticas proveñen da man de Laxeiro, do que chegou a ser o seu amigo e do que aprendeu moitas habilidades técnicas. Lisboa e Italia serían lugares nos que perfeccionou a súa aprendizaxe durante a súa xuventude.
A súa primeira exposición tivo lugar en 1990 en Vigo e axiña comezaría a mostrar as súas obras en eventos como a Mostra Unión Fenosa, a Trienal latina ou a Bienal de Pontevedra. Os seus traballos puidéronse contemplar en varias cidades de Portugal, así como en Bos Aires ou na Habana, ademais de en varias localidades galegas. Son múltiples as coleccións que posúen representación da obra deste autor, como o Museo Municipal Quiñones de León (Vigo), o Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela), o Museo de Arte Moderna de Bos Aires, o Museo Diocesano de Tui, a Colección Bilgrim Haus Soest (Alemaña) ou a Fundación Eixo Atlántico (Vigo).
A traxectoria artística de Magalhães discorre por tres etapas. Na primeira, a figura feminina e o colorido son os protagonistas. Na segunda aposta pola abstracción e pola ausencia cromática, para, posteriormente, no seu período de madureza, retornar á cor e á figuración. Interesado por todas as técnicas, destaca a súa capacidade como debuxante.
A obra Recordos da nenez, datada en 1997, pódese enmarcar no seu terceiro período creativo. Sobre un fondo indefinido coloca en primeiro plano distintas figuras recheas de cores planas saturadas como azul, vermello, amarelo ou verde, perfiladas con grosas liñas negras, que aluden a fragmentos de paxaros, espellos ou xoguetes interpretados desde un punto de vista onírico. A disposición da composición evoca a dunha vidreira.
Bibliografía
Pablos, Francisco: Texto no catálogo Exposición Casa de la Parra. Santiago de Compostela, 1992.
II Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1991